Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 18:11
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, instou este mércores ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que reforce a atención primaria e que "deixe de normalizar o desastre sanitario". De tal forma, reclama un incremento do 2,2% na partida para este fin nos orzamentos de 2023, un mínimo de 200 millóns máis.
Ana Pontón lanzou esta mensaxe en Pontevedra, unha área sanitaria que o BNG considera a "zona cero" da deterioración asistencial que existe na sanidade pública galega. A líder nacionalista participou na recollida de firmas da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que reclama medidas urxentes para a atención primaria. Neste acto estivo acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a portavoz parlamentaria do BNG en Sanidade, Montse Prado.
Así, Pontón reivindicou un incremento do 2,2% dos recursos destinados á Atención Primaria nos orzamentos galegos de 2023, o que suporía un mínimo de 200 millóns de euros, que se destinarían á contratación de máis persoal, a darlle estabilidade aos profesionais sanitarios e a poñer en marcha un plan de captación de traballadores neste ámbito. Segundo sinalou Pontón, das 89 persoas que acabaron este ano o MIR de medicina de familia, só 30 están a traballar na Atención Primaria de Galicia.
"Con máis recursos imos defender mellor a sanidade pública", destacou Ana Pontón, que considera que esta ILP reflicte que a Atención Primaria "está a vivir a peor situación desde que existe unha sanidade pública", algo que, ao seu xuízo, "non é casualidade" senón froito dunha política "deliberada, planificada e ideolóxica" por parte do Partido Popular, "que quere deteriorar o público para beneficiar o privado".
Para a portavoz do BNG é unha "temeridade" que "o PP e o señor Rueda estean a xogar coa saúde dos galegos e das galegas". Lembra que o orzamento da Atención Primaria para esta 2022 conta con 47 millóns de euros menos que no ano 2009 e que Galicia é a cuarta comunidade que menos inviste nela.
"Non é normal nin podemos aceptar que se sigan tomando decisións que están a deteriorar a sanidade pública", insistiu Ana Pontón, que asegurou que desde o BNG defenderán "con uñas e dentes" a sanidade pública porque "é o mínimo que necesita unha democracia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.