Por Galicia Confidencial | Allariz | 08/09/2022 | Actualizada ás 20:45
O Festival RIR comezou o pasado 5 de setembro e rematará o sábado 10 pola noite coa gala de entrega de premios ás mellores curtametraxes e o premio ‘RIR contigo’ a Isabel Risco. Tras varios días nos que se fixo o primeiro pase das curtametraxes a concurso e houbo outras actividades como o ‘Palmarés do festival amigo convidado’ --Fancine de Lemos--, un conto musical e o pase do filme Valentina; chégase á recta final do certame que será o venres 9 e o sábado 10 de setembro.
Para o venres 9 está programada, entre outras cousas, unha homenaxe a Pedro Brandariz ás 17:00 h. na que participarán Eli Monteagudo, Fernando Tato, José Araújo e Rubén Méndez contando anécdotas e curiosidades deste grande actor e humorista que nos deixou este ano. A continuación proxectaranse varias curtas dedicadas especialmente a el e ás 20:00 h. haberá un segundo pase de curtas a concurso. Como prato forte e remate desta xornada terá lugar a estrea teatral absoluta de “Caldas e Mancho: RIR” de Héctor Martínez e Marcos Vázquez. Trátase dunha comedia atípica de #ruralinfluencers, unha aventura cómica para todos os públicos que mestura a tradición coa modernidade. Será na Casa da Cultura de Allariz e a organización recomenda facer reserva chamando ao 988 440859 en horario de mañá (a entrada libre ata completar aforo).
SÁBADO 10, CHARLAS E GALA DE ENTREGA DE PREMIOS
Ás 12:00 h. haberá un segundo pase dun dos bloques de curtas a concurso e á mesma hora unha charla literaria con Rubén Méndez, Cristina Carro e Miguel Caride que falarán dos seus libros, nos que abranguen o humor dende distintos frontes.
Pola tarde, ás 17:00 h. hai unha mesa redonda na que estarán Juan de Castro, Luís M. Rosales e Óscar Doviso --director do RIR-- abordará o tema ‘O humor como canle de comunicación nos festivais de cinema’; e á mesma hora o segundo pase doutro bloque de curtas a concurso.
Para público infantil ás 19:00 h. haberá unha peza teatral titulada ‘O tranvía Leonardo’, de Ignacio Vilariño, e ás 20:30 h. terá lugar a Gala de entrega de Premios do V Festival Internacional de curtas de comedia RIR presentada polo actor e humorista Alberte Montes. Ademais de guiar a entrega de premios ás curtas gañadoras e a entrega do premio “RIR contigo” a Isabel Risco, amenizará a mesma co mellor dos seus monólogos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.