As traballadoras das Galiñas Azuis e atención a maiores e dependentes mantéñense na folga

"Sentirse invisible é a peor das leñas para un lume que non queren apagar", sentenzan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2022 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

As traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, que xestiona as Galiñas Azuis, centros de día ou residencias de maiores, emprenderon xa a súa segunda semana de protestas e folga por un proceso de estabilización do persoal "xusto". Nun comunicato, o comité de folga da CNT sinala o "aumento da intranquilidade" entre persoal e familias, que demandan a apertura dos centros. 

Concentración de traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar ante o Multitusos Fontes do Sar no día da celebración do 17º Congreso do PPdeG
Concentración de traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar ante o Multitusos Fontes do Sar no día da celebración do 17º Congreso do PPdeG | Fonte: CNT

Dende o sindicato denuncian que "tras máis dunha semana perseguindo os cargos públicos para que alguén escoite as traballadoras, ninguén quere facerse responsable". "Sentirse invisible é a peor das leñas para un lume que non queren apagar", sinalan sobre a Xunta de Galicia. Ademais, a CNT lembra que as traballadoras do Consorcio "están deixando de cobrar os días de folga loitando pola xustiza e a dignidade".

Dende o comité piden "tranquilidade" e aseguran que veñen de enviar un escrito ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Política Social, Fabiola García, "para dialogar esta mesma semana". "Lembramos que a folga a convoca a CNT, e que a negociación para desconvocar debe ser con este sindicato, nada poden facer os sindicatos da Mesa Xeral". "Nós convocamos, nós desconvocamos", sentenzan.

"Na CNT", engaden, "non cremos no sindicalismo con liberados, cremos na capacidade das seccións sindicais, formadas exclusivamente por traballadoras, para decidir por si mesmas que é o mellor". Así mesmo, este sindicato acusa os participantes na Mesa Xeral de "comprar

subvencións e vender traballadoras" e "deberse aos poderes políticos e non aos intereses dos cadros de persoal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta