As ondas de calor son máis mortais en mulleres que en homes

Un estudo con participación galega realizado nas 17 comunidades autónomas constata que as mulleres son máis vulnerables ás temperaturas extremas, aínda que se están adaptando mellor ao quecemento global. Entre o 1 de xuño e o 13 de setembro houbo 232 mortes atribuíbles á calor en Galicia, 146 mulleres e 86 homes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sexo determina a capacidade de resistencia e de adaptación á calor. Un estudo realizado en todo o territorio do Estado español, e con participación galega, comprobou que as mulleres son máis vulnerables pero se adaptan mellor á calor que os homes.

Unha muller bebe auga de botella para refrescarse por unha onda de calor
Unha muller bebe auga de botella para refrescarse por unha onda de calor | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

O incremento das ondas de calor en frecuencia e intensidade é un dos efectos máis incuestionables do cambio climático. Este mesmo ano, a península ibérica experimentou a peor vaga de calor desde que hai rexistros. Unha forma de detectar a evolución do impacto da calor na saúde humana é a través do aumento da denominada temperatura de mínima mortalidade (TMM), unha medida esencial na epidemioloxía ambiental, disciplina científica que estuda como os factores ambientais (físicos, químicos ou biolóxicos) afectan a saúde das poboacións.

A temperatura media no conxunto do Estado aumentou 1,7 °C desde a época preindustrial e nas últimas décadas houbo un aumento progresivo das ondas de calor

A TMM é o punto de temperatura que mostra o menor risco de morte ou enfermidade (morbilidade) con respecto a altas e baixas temperaturas. A TMM varía en función do clima local, xa que a poboación se adapta ás temperaturas das áreas nas que vive. Pero tamén pode haber diferenzas entre grupos de idade ou sexo, como agora evidencia este novo estudo, no que participaron investigadores do Instituto de Salud Carlos III, da Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), da Facultade de Medicina da Universidade de Ciencias Aplicadas e Ambientais de Bogotá, da Consellería de Sanidade de Castela-A Mancha, da empresa consultora ferrolá Tdot Soluciones Sostenibles e do UNEP DTU Partnership de Dinamarca, unha das principais institucións internacionais de investigación e asesoramento sobre o clima, enerxía e desenvolvemento sostible, colaboradora do  Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA)que opera en virtude dun acordo tripartito entre o Ministerio de Asuntos Exteriores dinamarqués, o PNUMA e a Universidade Técnica de Dinamarca (DTU).

O obxectivo deste estudo foi analizar os valores da TMM en homes e mulleres e a súa evolución temporal durante o período 1983-2018 en todas as provincias do Estado español, a partir de datos de temperaturas máximas diarias e de mortalidade diaria.

O que atoparon foi que, no conxunto do territorio estatal, a temperatura máxima media diaria foi de 20,6 °C, cunha tendencia crecente no tempo de 0,34 (°C/década). A temperatura media aumentou 1,7 °C desde a época preindustrial, dúas décimas por riba dos 1,5 ºC que marca a comunidade científica internacional como limiar a nivel global a partir do cal os efectos do clima serán cada vez máis prexudiciais e posiblemente irreversibles para todo o planeta.

Tamén comprobaron que houbo un aumento progresivo das ondas de calor, tanto en frecuencia como en intensidade, “cunha clara repercusión en canto á saúde da poboación”, apuntan.

A temperatura de mínima mortalidade foi de 29,4 °C nos homes e de 28,7 °C nas mulleres, de media en todas as provincias, o cal “indica unha maior vulnerabilidade nelas” 

O efecto das vagas de calor na mortalidade diaria presenta, segundo estes investigadores, “importantes diferenzas territoriais”. Pero tamén en función do sexo: “Hai evidencias de que as mulleres poden ser máis susceptibles á calor extrema que os homes, aínda que hai relativamente poucos estudos que analicen as diferenzas na vulnerabilidade e adaptación á calor segundo o sexo. Isto podería estar relacionado con causas fisiolóxicas”, comentan os autores do estudo.

Os datos mostran que a temperatura de mínima mortalidade (TMM) foi de 29,4 °C nos homes e de 28,7 °C nas mulleres, de media en todas as provincias. A TMM dos homes foi maior que a das mulleres no 86 por cento do total das provincias, o cal, din, “indica unha maior vulnerabilidade entre as mulleres” á calor.

MELLOR ADAPTACIÓN DAS MULLERES

Segundo este estudo, as mulleres mostraron, en xeral, unha “maior adaptación á calor que os homes”. No conxunto do Estado español, a taxa media de variación da TMM durante o período analizado (1983-2018) foi maior no caso das mulleres que dos homes, dado que no 62 por cento das provincias esta taxa era maior nelas, o que indica unha mellor adaptación ao aumento das temperaturas.

"En Barcelona adaptáronse mellor ás altas temperaturas os homes que as mulleres, mais na Coruña aconteceu o contrario"

En concreto, a taxa media de variación da TMM foi de 0,39 °C/década para os homes, fronte aos 0,53 °C/década das mulleres, a nivel estatal, o cal mostra “unha maior adaptación á calor nas mulleres, fronte aos homes”, subliñan os científicos, que constataron que “as diferenzas atopadas entre homes e mulleres foron estatisticamente significativas”.

Con todo, a nivel provincial os resultados amosan “unha gran heteroxeneidade”, atopándose diferenzas xeográficas por xénero nos niveis de adaptación á calor, de xeito que, por exemplo, en Barcelona se adaptaron mellor ás altas temperaturas os homes que as mulleres, mais na Coruña aconteceu o contrario, foron elas quen mellor se aclimataron á calor. De feito, en toda as provincias galegas se observa unha mellor taxa de adaptación á calor nas mulleres.

“Pódese dicir que ambos os sexos se adaptaron ás altas temperaturas, e que esta adaptación foi moito máis clara no caso das mulleres”, comentan os autores do estudo, que engaden: “A nivel provincial, o 68 por cento das provincias evidencia adaptación entre as mulleres, fronte ao 52 por cento entre os homes. No 40 por cento das provincias houbo adaptación tanto en homes como en mulleres”.

DATOS DE GALICIA

Nos casos das provincias galegas, os datos son os seguintes: na da Coruña, a TMM é de 24,33 °C para os homes e de 23,46 para as mulleres; na de Lugo, 28,17 vs 27,63; na de Ourense, 30,66 vs 30,51, e na de Pontevedra, 25,54 vs 25,50.

Estes datos indican que a de Pontevedra é a única na que a capacidade de resistencia á calor se pode dicir que é practicamente igual entre homes e mulleres, e as diferenzas tamén son insignificantes no territorio ourensán; polo tanto, as provincias do sur galego mostran diferenzas coas do norte, especialmente coa da Coruña, onde a diferenza da TMM para homes e mulleres é de case un grao centígrado.

A capacidade de resistencia á calor é maior en Ourense, tanto en homes como en mulleres, e menor nas provincias de Pontevedra e A Coruña

Tamén destaca o feito de que as TMM máis baixas, tanto para homes como para mulleres, se rexistran nos territorios atlánticos occidentais, mentres que a a única provincia sen acceso ao mar, a de Ourense, ten a TMM máis alta, seguida por Lugo. Polo tanto, a capacidade de resistencia á calor dos cidadáns do interior é maior que a dos que viven na costa galega pola súa adaptación biolóxica a temperaturas máis extremas.

POR QUE AFECTA MÁIS ÁS MULLERES?

“Existen diversos mecanismos fisiolóxicos que poderían explicar esta maior vulnerabilidade ás altas temperaturas entre as mulleres, entre eles, unha menor evaporación da calor a través da suor, unha maior presenza de tecido adiposo (graxa corporal) e unha diminución da perfusión de sangue periférico”, clarifican os responsables desta investigación.

Ademais, apuntan a que “esta vulnerabilidade aumenta despois da menopausa, xa que a falta de produción de estróxenos dificulta a adaptación aos aumentos bruscos de temperatura, xa que os estróxenos poden favorecer a activación de centros termorreguladores que contribúen á disipación da calor”.

"Para que as mulleres alcancen a mesma adaptación fisiolóxica á calor que os homes, requiren unha maior intensidade, frecuencia e duración da exposición á calor”

Non só iso, “ademais, para que as mulleres alcancen a mesma adaptación fisiolóxica á calor que os homes, requiren unha maior intensidade, frecuencia e duración da exposición á calor”, rematan.

Con todo, factores xeográficos semellan ter tamén impacto no grao de resistencia e adaptación á calor: “En termos xerais, boa parte das provincias situadas no sur e leste da península (zona mediterránea) presentan unha maior adaptación que as situadas no centro, no norte e en Canarias. Noutras palabras, aquelas provincias que tenden a experimentar temperaturas máis altas presentan unha maior adaptación”, clarifican os expertos.

Este patrón, segundo os científicos, “podería estar relacionado cos achados de estudos de fisioloxía humana que se centran na aclimatación á calor”, pero “tamén podería explicarse pola adaptación tecnolóxica, principalmente sendo maior a prevalencia de equipos de climatización nas rexións do sur de España, que teñen máis aire acondicionado que no norte”, din.

E como se explica que nalgunhas provincias existe un maior nivel de adaptación entre os homes, malia que en termos xerais as mulleres parecen adaptarse moito mellor ao aumento das temperaturas globais? Aínda que os autores do estudo non teñen unha resposta, cren que podería deberse a problemas sociodemográficos que poden implicar unha maior vulnerabilidade ao cambio climático e ao quecemento global, como a migración, o nivel socioeconómico, a idade, etc.

MÁIS ESTUDOS

“Os resultados do noso estudo amosan información relevante relacionada coa adaptación da poboación española ao aumento da temperatura que se produciu nos últimos 30 anos”, salienta o equipo investigador.

Para eles queda evidenciado cientificamente que “as mulleres son máis vulnerables á calor", xa que os seus resultados son, ademais, “consistentes con varios estudos previos realizados a nivel rexional e nacional”. Así, lembran que “varios estudos realizados en España atoparon maiores valores de TMM nos homes ao analizar a mortalidade cardiovascular e a mortalidade por causas circulatorias e respiratorias”. Outras investigacións demostraron que as mulleres en Madrid presentan un maior risco tanto de morte como de ingresos hospitalarios por causas naturais durante as ondas de calor, ou que en Barcelona ​​as mulleres teñen un maior risco relativo de mortalidade en comparación cos homes con temperaturas extremas no verán.

Un estudo realizado en Galicia e publicado en 2011 mostrou que os efectos das ondas de calor en maiores de 65 anos foron máis graves nas mulleres que nos homes

Tamén lembran outros estudos realizados en Cantabria e Galicia nos que se atopou unha maior sensibilidade ás altas temperaturas entre as mulleres. De feito, naquel estudo feito en Galicia, publicado en 2011, baseado en datos das vagas de calor de 1990 e 2003, e centrado no impacto das altas temperaturas en persoas maiores de 65 anos, observouse que os efectos foron máis graves nas mulleres que nos homes, cunha media da mortalidade unhas 1,5 veces maior nelas.

A nivel internacional tamén existen estudos diversos que “informaron tamén dunha maior mortalidade relacionada coa calor entre as mulleres”, din os autores da nova investigación publicada. Así, por exemplo, un estudo de 2018 realizado por investigadores da Universidade de Utrecht (Países Baixos) tamén centrado na poboación maior de 65 anos, determinou que as mulleres teñen un 15% máis de risco de morrer por ondas de calor que os homes. Noutra investigación publicada en 2021, científicos holandeses e alemás analizaron a relación da mortalidade con episodios de calor no verán nas últimas décadas e constataron que había máis mortes entre mulleres que homes; aquel estudo tamén se centrou na poboación maior de 65 anos.

TRIPLÍCANSE AS MORTES ATRIBUÍBLES Á CALOR

O sistema de monitorización da mortalidade diaria por todas as causas (MoMo), elaborado polo Instituto de Salud Carlos III, estima que en España se produciron algo máis de 4.700 mortes relacionadas co exceso de temperatura entre finais de abril e comezos de setembro de 2022, logo dun verán con ondas de calor históricas. Isto representa arredor do 3,2% das mortes observadas por calquera causa, duplica o rexistro de mortes atribuíbles á calor máis alta para estas datas –rexistrado en 2017– e multiplica por tres a media dos últimos cinco anos. Unhas 3.800 desas mortes producíronse só entre os meses de xullo e agosto, cando se rexistraron temperaturas marca.

Aínda que Madrid é a provincia do Estado que máis mortes atribuíbles á calor contabilizou este verán en termos absolutos, as provincias do centro oeste e do norte peninsular que carecen de costa son as que máis incidencia da mortalidade atribuíble á calor rexistraron en termos relativos.

No conxunto do Estado, entre o 1 de xuño e o 13 de setembro de 2022 houbo un exceso de mortes por todas as causas de 21.204, das cales 4.715 son atribuíbles ás temperaturas; en Galicia, os falecementos por calor foron 232

Palencia, Huesca e Cuenca son as que máis sufriron en relación coas súas cifras de poboación. As tres superan os 40 falecidos por cada 100.000 habitantes, seguidas a certa distancia por Ávila, con 32 mortes. Pola súa banda, territorios máis poboados como Madrid e Barcelona sitúanse ao redor dos 19 e sete decesos atribuíbles á calor, respectivamente.

En Galicia, Ourense foi a provincia máis afectada, con 17,6 mortes atribuíbles á calor por cada 100.000 habitantes, seguida de Pontevedra (12) e Lugo (9,2), mentres que na Coruña só foron 3,3.

Consultados os datos MoMo rexistrados entre o 1 de xuño e o 13 de setembro de 2022, na provincia da Coruña houbo un exceso de mortes por todas as causas de 503 defuncións, das cales 37 son atribuíbles á calor. No caso de Lugo, foi un exceso de 222 mortes, 30 relacionadas coa temperatura. En Ourense, 233, das cales 54 atribúense á calor. E en Pontevedra, 501, das que 111 son atribuídas á temperatura. No conxunto de Galicia, neste período, rexistrouse un exceso de 1.458 falecementos por todas as causas, dos que 232 son atribuíbles á calor, 146 mulleres e 86 homes. Polo tanto, en datos brutos, Pontevedra é, con diferenza, a provincia máis golpeada polas altas temperaturas por número de falecementos.

No conxunto do Estado, entre o 1 de xuño e o 13 de setembro de 2022 houbo un exceso de mortes por todas as causas de 21.204, das cales 4.715 son atribuíbles ás temperaturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta