A CIG reclama convocar o Consello Galego de Pesca ante o "golpe mortal" á pesca de fondo no Altántico Norte

O responsable de Mar da CIG, Xabier Aboi, avanzou que volverán saír ás rúas "en defensa do sector pesqueiro". Podemos Galicia insta a Alfonso Rueda, defender ante Bruxelas o sector pesqueiro galego. "Quen estaba nas institucións europeas? O secretario xeral dos socialistas galegos", sinalan desde o PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2022 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O sindicato CIG demandou a convocatoria "inmediata" do Consello Galego de Pesca para organizar unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social galego ante o "golpe mortal" que asegura supón a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Norte, decretada pola Unión Europea.

Así, a central sindical reclamou facer esta "fronte común" co obxectivo de demandar novos informes científicos ou iniciar preitos xurídicos, así como para organizar "unha acción social e política contundente" para que tanto a Xunta como o Goberno central e Bruxelas "saiban o que significa para Galicia o sector pesqueiro".

O responsable de Mar da CIG, Xabier Aboi, avanzou que, ante o que cualifica de "barbarie consumada polos burócratas de Bruxelas", volverán saír ás rúas "en defensa do sector pesqueiro" para gritar que "nin a España nin a Europa impórtalle a nosa frota".

Aboi criticou que se trata de "unha decisión política sen precedentes". Así mesmo, explicou que a frota afectada non se limita ao arrastre de fondo e ao arrastre, senón tamén a outras artes como o palangre ou ás nasas.

A pesar de que recoñeceu que é a Unión Europea quen decide sobre o futuro da pesca galega, censurou que "nin a Xunta nin o Estado exercen o poder político que teñen para frear esta agresión" e, engadiu, "eluden as súas responsabilidades a pesar de que esta medida xa se anunciou hai tempo".

Ademais, rexeitou que se "circunscriba esta decisión a unha cuestión científica" cando, na súa opinión, "o que se debate é un tema político": "Se queren eliminar ou non a nosa frota".

CRÍTICAS AO PSDEG

Aboi criticou a "incapacidade" do Goberno español e a súa "falta de acción". Neste sentido, denunciou que Bruxelas comunique o veto "uns días despois de que o secretario xeral do PSdeG reunísese co comisario europeo de Pesca" e "anunciase tras ese encontro que se faría un novo informe científico". "Menos dunha semana despois, o que temos encima da mesa é un veto", reprochou.

En todo caso, a CIG rexeitou que "se pretenda coa máxima urxencia eliminar máis de 1.000 barcos, centos deles galegos, e destruír miles de empregos con todo o impacto socioeconómico que supón para as zonas de costa de Galicia".

Por todo isto, o sindicato nacionalista insistiu en facer "unha fronte común" desde as administracións, as organizacións políticas, sectoriais e sindicais para "reverter esta agresión". Nesta mesma liña, fixo un chamamento á sociedade galega para que se mobilice.

Barco de Pesca
Barco de Pesca | Fonte: ABANCA.

PODEMOS

Podemos Galicia instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, defender ante Bruxelas a "supervivencia" do sector pesqueiro galego ante a prohibición da Unión Europea do acceso a 87 zonas de pesca de augas comunitarias para a protección de ecosistemas mariños vulnerables.

Nun comunicado, a formación apelou á "unidade" do conxunto de institucións e organizacións galegas ante unha decisión que, aseguran, "pon en xaque por centos de pescadores e familias cuxos ingresos proceden integramente desta actividade, supondo por tanto un dano importante á economía do país".

Defenden que a protección dos ecosistemas nun contexto de cambio climático é "imprescindible", pero debe compatibilizarse coas consecuencias socioeconómicas das medidas, "sobre todo falando do sector pesqueiro, que se resentiu durante os últimos anos".

"Unha decisión deste calado non pode basearse simplemente en informes técnicos que están a ser cuestionados desde distintos ámbitos", sinalou o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común no Congreso dos Deputados, Antón Gómez Reino.

O PSdeG RECLAMA QUE RUEDA ACUDA A BRUXELAS


O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a acudir a Bruxelas e convencer ao PP europeo para que a Unión Europea retire a prohibición da pesca de fondo, que afecta a 87 zonas do Atlántico Norte, entre elas, caladoiros nos que faenan barcos galegos.

"Viaxe a Bruxelas e defenda a Galicia. Iso é o que se espera do presidente dos galegos. Se non o fai, será cómplice da situación porque se non é capaz de convencer aos seus compañeiros do PP, que son maioría na Comisión, estaremos diante dun presidente sen peso político. E ese non é o problema; o problema é que iso ten repercusións políticas para Galicia", reprochou.

Así mesmo, acusou a Rueda de non facer "absolutamente nada" para "defender os intereses da pesca galega", mentres o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, "alcanzou un compromiso" na viaxe a Estrasburgo, no que se reuniu co comisario de pesca da Unión, "para que se revise o veto e para novos informes científicos".

Pola contra, continuou, "o señor Rueda non fixo absolutamente nada". "Quen estaba nas institucións europeas? O secretario xeral dos socialistas galegos", defendeu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta