O superávit comercial galego sobe un 56% en xullo, ata 156,9 millóns

P Foro Económico de Galicia destacou o "dinamismo exportador" de Galicia, que "continúa demostrando vitalidade" durante o segundo trimestre do ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O superávit comercial galego, diferenza entre exportacións e importacións, subiu un 56% en xullo, situándose nos 156,9 millóns de euros en comparación cos 100,4 millóns rexistrados no mesmo mes de 2021.

En concreto, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, recollidos por Europa Press, as exportacións galegas creceron un 44% no sétimo mes do ano, ata 2.512,7 millóns, mentres que as importacións aumentaron un 43,3%, con 2.355,8 millóns.

Pontevedra foi a provincia con maior superávit comercial, con 206,2 millóns, mentres que A Coruña rexistrou déficit en xullo, con -72,1 millóns. Lugo (+6 millóns) e Ourense (+16,8 millóns) tamén contabilizaron datos positivos.

Así, as exportacións da Coruña ascenderon un 55%, ata 1.145 millóns, pero as súas importacións alcanzaron os 1.217,2 millóns, un 71,2% máis. Lugo exportou 70,9 millóns (+16,8%) e importou 64,9 millóns (+16%).

As exportacións de Ourense subiron un 17,7%, ata 90,7 millóns de euros, e as súas exportacións ascenderon un 46,2%, con 73,9 millóns, mentres que Pontevedra enviou aos exterior produtos por valor de 1.206,1 millóns de euros en xullo, un 39% máis, e comprou fóra 999,9 millóns, un 20,9% máis.

PRODUTOS CON MÁIS PESO

Segundo explica o Instituto Galego de Estatística (IGE) no seu Informe sobre Comercio Exterior, os produtos con maior influencia positiva nas exportacións en xullo foron os 'Vehículos automóbiles; tractores', que supuxeron un 24,1% do total. 'Combustibles, aceites minerais' (10,5% do total) e 'Pezas de vestir, non de punto' (9,3% do total) son outros dos produtos que máis peso teñen sobre as exportacións da Comunidade.

No apartado das importacións, os produtos que máis influíron de forma positiva foron os 'Combustibles, aceites minerais', que representan o 26,3% do total, así como os 'Vehículos automóbiles, tractores' (18,7% do total) e as 'Pezas de vestir, non de punto' (4,7% do total).

No que vai de ano, o superávit comercial galego baixou un 16%, ata 1.677,9 millóns de euros, cunhas exportacións de 16.919 millóns, un 29,4% máis, e unhas importacións de 15.241,1 millóns, un 37,6% máis.

"DINAMISMO EXPORTADOR"

Pola súa banda, o Foro Económico de Galicia destacou o "dinamismo exportador" de Galicia que, ao seu xuízo, "continúa demostrando vitalidade" durante o segundo trimestre do ano. Nun informe, o organismo indicou que as exportacións de mercadorías creceron un 30,7% no segundo trimestre de 2022. Unha taxa "moi superior" á da media de España (25,6%).

"Este crecemento centrouse nos mesmos sectores que no primeiro trimestre: produtos minerais (que inclúe combustibles) e os produtos das industrias químicas e téxtil", explicou o Foro nun comunicado.

Vehículos para exportar producidos en Stellantis Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Vehículos para exportar producidos en Stellantis Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta