Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/09/2022 | Actualizada ás 14:00
Importante tirón de orellas da xustiza aos acordos publicitarios e convenios entre administracións públicas e grandes medios de comunicación que son usados polas primeiras para manter unha gran influencia sobre os segundos a base de grandes inxeccións económicas. Así pasa entre a Xunta e La Voz de Galicia ou entre deputacións e xornais provincias, como é este caso.
E é que o xulgado do Contencioso Administrativo número 1 dos de Ourense acaba de fallar contra a Deputación de Ourense e o xornal La Región, condenándoo a devolver os 213.000 euros máis IVE (222.456,00 euros) que de maneira irregular percibiu do ente que preside José Manuel Baltar por subscricións no ano 2020.
O contrato anulado estipulaba que a deputación mercaba un número importante de xornais a La Región para distribuilos de forma gratuíta entre varios colectivos da provincia, entre os que se atopaban "centros de ensino, organizacións benéficas, centros de saúde, asociacións de veciños, centros de maiores, etc.".
CRITERIOS MOI VAGOS
A maxistrada entende que o contrato subscrito entre o xornal e o organismo provincial carece de toda validez porque se sustentou no informe dun asesor de comunicación da Deputación con carácter de eventual -cando ditos informes preceptivos debe emitilos un funcionario- e que, ademais, non concreta con claridade o obxecto do contrato, ao non fixar con claridade nin o prezo dos exemplares, o número deles que se repartirían, nin os destinatarios concretos dos mesmos. Consultado o actual xefe e asesor de comunicación do Organismo provincial é exredactor xefe de La Región, Javier Rey, sobre esta sentenza suliñou que desde a deputación non van facer declaracións ao respecto.
"Fíxase un valor estimado do contrato sen referencia a ningún elemento obxectivo, como número de unidades obxecto de subministración ou centros nos que se vai a realizar (...)", recalca a titular do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 dos de Ourense. Tamén indica, tal e como recolle Diario do Támega, que se xustificou a ausencia de alteración ou fraccionamento do obxecto do contrato "con fin de eludir as normas xerais de contratación", pero "nada xustifica despois, limitándose a efectuar esa mera afirmación (...)".
É a segunda gran sentenza que invalida contratos importantes entre a Deputación de Ourense e La Región e amosa a gran dependencia que os grandes medios de comunicación galego teñen das axudas públicas. A primeira foi motivada polo agora alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e logrou no seu día logrou invalidar o contrato de compravenda do arquivo de La Región pola Deputación de Ourense, por entón fixado en 2,7 millóns de euros máis impostos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.