Persoal do CHUS denuncia un déficit de 15 internistas "para dar unha atención médica digna"

"Só a dotación de prazas en forma de interinidades poderá atraer a masa crecente de compañeiros que fuxiu da precariedade e malos tratos laborais recibidos nos últimos anos nos hospitais públicos do Sergas", explica o servizo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela precisaría 15 internistas máis - un aumento dun 40% do persoal actual - para poder ofrecer unha asistencia de calidade ante o incremento da sobrecarga de traballo. Esta é a principal conclusión que se extrae do Plan Funcional que veñen de redactar no propio servizo e que "determina de forma detallada e realista o número de facultativos necesarios para unha atención médica digna". 

Clínico, CHUS
Clínico, CHUS

 

A redacción deste Plan fora acordaba na reunión que mantiveron en xuño a Consellería de Sanidade e o Sergas cunha representación dos 280 internistas que asinaran unha carta a diferentes organismos para denunciar a "grave situación" desta especialidade en Galicia. O documento, que tamén recolle que o servizo santiagués ten o menor cociente de internistas por 100.000 habitantes de todos os hospitais de terceiro nivel do Sergas, moi por baixo da media estatal, foi enviado á Xunta de Galicia o pasado 22 de setembro. 

 

"O Servizo de Medicina Interna ten unha importante implantación en Santiago de Compostela, ao ser un Servizo con ampla tradición clínica, investigadora e docente, cunha relevancia tanto a nivel autonómico como estatal innegable e unha gran proxección de futuro", recolle o Plan. "Con todo, nos últimos anos, o progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal xerou unha situación de sobrecarga actualmente inasumible -o dobre ou mesmo o triplo, en ocasións, dos estándares recomendados pola Sociedade Española de Medicina Interna", prosegue.

Segundo explican, esta realidade "tardou anos en mostrarse", xa que o persoal internista "ten 

un perfil vocacional moi marcado e priorizou de forma histórica o paciente como centro da súa atención". "Pero a grave deterioración das condicións laborais e a inseguridade na atención xerada fan que o problema se retroalimente: cada vez é máis frecuente que haxa especialistas en Medicina Interna que deixen de estar dispostos a soportar a situación e opten por outras opcións laborais fóra do Sergas", sinalan. De feito, nos últimos 5 anos, 6 residentes de Medicina Interna optaron por contratos na sanidade privada galega, segundo as cifras manexadas polo servizo.

Os profesionais explican que este estudo de necesidades se basea en "absolutos mínimos" para que a asistencia necesaria e xa exposta poida realizarse con garantías. "Só a dotación de prazas en forma de interinidades (contrato estable) poderá atraer a masa crecente de compañeiros que fuxiu da precariedade e malos tratos laborais recibidos nos últimos anos nos hospitais públicos do Sergas", explican no comunicado. "Non é que non haxa internistas, é que están a fuxir", proseguen. 

Por todo isto, o persoal internista do CHUS solicita á Xunta e Consellería de Sanidade que se implemente unha partida para ampliación das prazas de internistas necesarias nos Orzamentos da Xunta para o exercicio 2023, xunto coas necesidades do resto de Servizos do Sergas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta