Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 16:56
Galicia participa na elaboración dun catálogo de referencia a nivel estatal sobre políticas e servizos para a atención de vítimas de trata.
Así o trasladou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante a súa intervención ante o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, celebrado este mércores.
Segundo recolle un comunicado da Xunta, a elaboración esta guía constitúe para o Goberno galego "un avance e exemplo da cooperación entre o Ministerio de Igualdade, as comunidades autónomas e as entidades locais a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)".
A conselleira incidiu na importancia de contar cun marco de colaboración que dea continuidade ás medidas derivadas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, obxectivo que persegue o desenvolvemento deste marco documental para as vítimas de trata.
"O pacto é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta secuela social, un eixo prioritario para a Administración autonómica galega que incrementou este ano o seu orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros", resaltou Lorenzana.
A reunión do observatorio deste mércores tamén analizou os programas de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero, que lograron a contratación dun total de 400 mulleres desde o ano 2019.
Ademais, a Xunta tamén trasladou ao observatorio as principais liñas do 'I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual', presentado hai unha semana en Santiago e que terá vixencia durante os anos 2022 e 2024.
Este plan, en palabras da conselleira, "nace como un instrumento programático que aglutina as actuacións para loitar contra esta secuela social cun enfoque abolicionista da prostitución e de recoñecemento e defensa dos dereitos das vítimas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.