Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2022 | Actualizada ás 18:27
A Unión Europea (UE) seleccionou a Galicia para formar parte da Misión de Adaptación ao Cambio Climático, unha iniciativa cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos introducidos por este fenómeno.
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, destacou que con esta adhesión, Galicia terá a oportunidade de situarse "á vangarda" para combater o cambio climático compartindo experiencias e aproveitando sinerxías xunto con outras rexións.
Ademais, a Comunidade ratifica o seu compromiso de apostar pola neutralidade climática e impulsar os esforzos de adaptación a través da participación dos cidadáns no proceso de toma de decisións e mediante o estímulo de investimentos públicos e privados.
Nesa liña, segundo lembrou Anxos Vázquez, o Goberno galego mantén "unha firme aposta" por unha Galicia "neutra, verde e resiliente". Así o evidencia, remarcou, o feito de que a Consellería de Medio Ambiente conte cun departamento específico para abordar todas as cuestións relativas a esta materia.
A conselleira tamén destacou que actualmente está en fase de elaboración a Lei galega do clima, unha norma, prevista para o próximo ano, que fixará que todas as políticas, estratexias, plans de acción e regulacións que se impulsen desde o Goberno galego deberán ponderar os seus efectos sobre este fenómeno mundial.
Deste xeito, as medidas e accións que se deseñen e desenvolvan en Galicia defenderán os principios de precaución e de responsabilidade ambiental, de maneira que se prioricen as posturas de protección; sustentabilidade; e os de dilixencia ambiental.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.