Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/10/2022 | Actualizada ás 11:54
En novembro do 2021, a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta realizou convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicoloxía e de traballo social de Galicia para a elaboración dos informes dos ámbitos penal e da familia. Uns convenios que foron denunciados no seu día por CIG-Administración que pediu máis equipos técnicos psicosociais que dean resposta ao incremento de informes nos procesos que afectan ás persoas máis vulnerábeis, entre elas, as valoracións de vítimas de violencia machista, separacións, divorcios, ou os informes preceptivos para a asistencia técnica aos tribunais, da fiscalía e do xulgado.
De feito, na apertura do ano xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reclamou o incremento de equipos técnicos por considerar que o atraso acumulado na emisión de informes así como as novas esixencias lexislativas non son situacións coiunturais, senón que se trata dunha necesidade estrutural de creación de novos equipos nas distintas subdireccións do IMELGA. Ao mesmo tempo, os colexios profesionais da abogacía e procuradores de Pontevedra tamén denunciaron estes atrasos e pediron máis equipos.
Despois destas denuncias, o director xeral, en sede parlamentar, recoñeceu un “atraso puntual” e ofreceu o reforzo de equipos, contratación de interinidades ou horas extras. "Pero ata o día de hoxe, non houbo nin incremento de equipos nin contratación de persoal e si ofreceu o desenvolvemento de horas extras", denuncia nun comuniado este sindicato.
Así, destaca que os equipos psicosociais da subdirección do Imelga de Santiago e de Pontevedra acumulan atrasos que van para os dous anos, tanto na emisión de informes para o xulgado de familia como para o do penal. Na subdirección do Imelga de Lugo, os atrasos son considerables no que atinxe ao de instrución e instancia; e aceptables para o penal. Nas subdireccións de Ferrol, Vigo e Ourense estes atrasos poden considerarse aceptables.
Por iso, a CIG exixe ao director xeral de Xustiza unha "inmediata actuación que só pasa pola creación de novos equipos psicosociais, estables e profesionais, que resolvan os atrasos acumulados nas distintas subdireccións e as novas necesidades lexislativas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.