Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2022 | Actualizada ás 13:25
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación Empresa, Francisco Conde, asegurou este venres que os orzamentos anunciados esta semana polo Goberno central mostran "incumprimentos moi evidentes" con Galicia en termos de infraestruturas e de fondos europeos.
En declaracións aos medios nun comercio de Santiago, o vicepresidente primeiro lamentou que as contas do Executivo central marcan "un estancamento claro" dos investimentos do Goberno en Galicia e tamén "unha perda de situación relativa de Galicia respecto doutras comunidades".
"O Goberno non está a facer unha aposta para desenvolver as infraestruturas en Galicia, tanto ferroviarias como por estrada, e tampouco está a facer unha aposta clara cos fondos europeos que permitan que realmente haxa unha reactivación da situación económica en Galicia", insistiu Francisco Conde.
Nesta mesma liña, expresou que os orzamentos "dan as costas a Galicia" e puxo como exemplo que conexións por estrada como Lugo-Ourense, Ourense-Ponferrada ou Vigo-O Porriño "están ausentes de orzamento", así como conexións ferroviarias como "o propio AVE que prometeu este Goberno coa conexión por Cerdedo".
En todo caso, Conde afirmou que o Goberno "ten a oportunidade na tramitación parlamentaria" de introducir modificacións que revertan "o castigo que Galicia está a ter cos orzamentos que presentaron".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.