Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/10/2022 | Actualizada ás 11:39
Este luns, 17 de outubro, conmemórase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Neste contexto, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reivindica medidas efectivas de protección social para máis de medio millón de galegos e galegas que viven por baixo do limiar da pobreza (9535 € anuais para unha persoa soa). Son, en concreto, 544.520 persoas, o 20,2 % da poboación, tal como reflicte un informe que acaba de facer público o sindicato.
"Mídase como se mida, os niveis de pobreza alcanzan cotas inaceptables", denuncia Maica Bouza, secretaria de Emprego e Política Social de CCOO. Por este motivo, coida "imprescindible" aproveitar as etapas de crecemento económico para desenvolver políticas que combatan a pobreza laboral, a precariedade e a desigualdade.
Neste "grave contexto", suliña, as redes de protección social deben desempeñar un "papel determinante e deberían cubrir as necesidades básicas das persoas, en especial das que se atopen en situación máis vulnerable".
O último informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión social de Galicia é de 2021 e indícanos que en decembro dese ano o número de persoas perceptoras da Risga era de 7211, fronte a 3032 persoas perceptoras de axudas de inclusión social. Así mesmo, o orzamento utilizado para aboar esas prestacións ascendía a case 44 millóns de euros, o que supoñía unha contía media de 435,21 euros de prestación.
Porén, o número de titulares do IMV en setembro de 2022 era de 20.259 e a contía media por fogar de 492,25 euros; e que o número de persoas titulares e beneficiarias experimentara un notable incremento como consecuencia das medidas de flexibilización introducidas no 2021 e que entraron en vigor este ano. "Aínda así, unhas 30.491 percibirían rendas de integración "e poderiamos estimar que se benefician delas unhas 80 000 persoas; é dicir, só 15 de cada 100 persoas en risco de pobreza en Galicia teñen unha prestación", indica Bouza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.