A Cibdá de Armea, un referente arqueolóxico para Allariz

Representantes municipais, da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia visitaron o xacemento días atrás para celebrar os 12 anos de excavacións deste asentamento romano do século I.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/10/2022 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Para lembrar os 12 anos de intervencións arqueolóxicas na Cibdá de Armea, a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, encabezou unha comitiva de autoridades o pasado 18 de outubro para visitar o xacemento. Xunto a ela estivo persoal do equipo de traballo da Universidade de Vigo; Julio Prada, decano da Facultade de Historia; Mónica Villanueva Villar, do departamento Vicerreitorado do Campus de Ourense; Roberto Pena, xefe de Servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia; Sandra Quintas, xefa territorial da Consellería de Cultura en Ourense; e Adolfo Fernández, director das escavacións.

Excavacións na Cibdá de Armea. Foto: Prensa Concello de Allariz
Excavacións na Cibdá de Armea. Foto: Prensa Concello de Allariz

12 ANOS DE EXCAVACIÓNS

Nesta campaña cúmprense 12 anos de escavacións, cun total de investimento de 70.000 euros nesta anualidade, dos que a Xunta de Galicia achega 25.000, a Deputación Provincial outros 25.000 e o resto complétase con fondos municipais.

"A Cibdá de Armea xunto co Forno da Santa e o núcleo de Santa Mariña de Augas Santas convirte a zona nun segundo casco histórico do Concello de Allariz", afirman dende o goberno municipal.

Adolfo Fernández, director das escavacións, explicou grazas o financiamento acadado este ano puidéronse ampliar os traballos, pasando a excavar dous meses e non un como se facía en anos anteriores. A estimación de superficie escavada nesta intervención é de trescentos metros cadrados, na que como sempre se atoparon restos de edificacións romanas, así coma vidro, cerámica e metais que se están analizando na Universidade de Vigo.

Vista aérea do xacemento. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Vista aérea do xacemento. Foto: Prensa Concello de Allariz.

Nesta tempada rematouse a escavación da Domus Norte atopando os seus muros exteriores, así como máis estancias e diferentes zonas como adegas e zonas de habitacións. Tamén se descubriu unha nova casa cun patio central, feito que indica a importancia deste asentamento romano do S. I, con edificacións de dous pisos, e que fai da Cibdá de Armea un referente a nivel arqueolóxico.

Entre todas as pezas atopadas durante esta campaña 2022, atopouse o cumio dunha estela funeraria, o que fai indicar a existencia dunha necrópole na Cibdá que aínda non teñen localizada.

ALUMNADO EN PRÁCTICAS E ACCIÓNS FUTURAS NO XACEMENTO

Durante todo o mes de xullo, o alumnado de arqueoloxía que solicitou a súa praza para realizar prácticas no xacemento estivo a traballar supervisados polo equipo encabezado por Adolfo Fernandez como director da escavación. As solicitudes para realizar as prácticas no xacemento ascenderon a case 300, mais só puideron entrar 25 alumnos e alumnas.

Este ano houbo unha segunda quenda xa profesionalizada na que se escavou acadando grandes logros e permitiu sacar a superficie máis restos. Segundo explicaba o director da excavación, nos vindeiros días realizarase o mes de restauración e consolidación do escavado, e durante o resto do ano --ata a vindeira intervención de campo no xacemento--, faranse traballos de procesamento de datos no laboratorio de arqueoloxía e catalogación dos mesmos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta