Galegos con dano cerebral adquirido demandan a súa inclusión na sociedade: "sentir que somos autónomos"

O director xeral de Persoas con Discapacidade participa nos actos en conmemoración deste día

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

Os usuarios da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) demandaron "accesibilidade universal" e sentir que "son persoas autónomas" con motivo da celebración do día do dano cerebral adquirido.

Este mércores a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, e os usuarios de Fegadace participou nun acto celebrado en Santiago no que leron un manifesto con referencia a este día, no que remarcaron a realidade de como é convivir con dano cerebral.

"Hai que remarcar o recoñecemento ao dereito que teñen as persoas con dano cerebral a ser cidadás de pleno dereito e por tanto, de preguntarnos non o que teñen que facer eles para participar na vida pública, senón o que podemos e temos que facer tanto desde as institucións, poderes públicos e sociedade", remarcou Fernández.

Así, Fernández incidiu nas dificultades que sofren estas persoas e que derivan en problemas na vida diaria, por iso é "moi importante" falar de "accesibilidade universal e de eliminar as barreiras cognitivas" esas que se atopan na estación de tren, na estación de autobuses, nas rúas ou nos postos de traballo, entre outros.

Nesta liña pronunciáronse os usuarios de Fegadace, que subliñaron a importancia de mellorar a súa inclusión na sociedade. "Sentir que somos persoas autónomas e que podemos valernos por nós mesmos, pero para iso necesitamos que se corrixan moitas cousas no ámbito da accesibilidade universal", demandaron.

"Como consecuencia do dano cerebral, a túa vida e a da túa familia cambia por completo de maneira súbita e inesperada. Actividades que antes facías sen problema como usar o transporte público ou renovar o pasaporte agora supoñen un enorme esforzo físico e cognitivo", declararon no manifesto as persoas que sofren esta lesión.

REIVINDICACIÓNS XERAIS

Desta forma, como reivindicacións xerais, a Federación Española de Dano Cerebral reclamou a necesidade de impulsar unha estratexia nacional de atención ao dano cerebral adquirido que "garanta unha atención coordinada, integral e multidisciplinar" a cada persoa que sufra esta lesión, "independentemente da súa situación socioeconómica e do seu lugar de residencia".

Ademais, pediron a elaboración dun censo completo do número de persoas que teñen esta lesión; a creación da categoría diagnostica 'dano cerebral adquirido' aplicable no momento do alta hospitalaria; e que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención e "non só como parte colaboradora", entre outras peticións.

OUTROS ACTOS

Por outra banda, o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou este mércores o valor que teñen as persoas afectadas por esta situación, xa que "son capaces de enfrontar as dificultades que teñen que superar día a día".

Así o sinalou no acto conmemorativo desta enfermidade organizado por Sarela, asociación de dano cerebral de Santiago de Compostela, co que quixeron dar maior visibilidade ao colectivo das persoas que sofren este dano e ás súas familias.

O acto consistiu no acompañamento a un grupo de persoas que sofren esta lesión e que realizan o Camiño de Santiago. Para iso, persoas e familias usuarias de Sarela sumáronse ao percorrido desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, onde leron un manifesto.

Abeijón remarcou o traballo que realizan entidades como Sarela no "achegamento de solucións para facer a vida máis fácil e ás persoas que padecen esta doenza" e garantiu que a Xunta "continuará traballando da man do tecido asociativo na mellora da calidade de vida destas persoas". Ademais, instou a continuar coa concienciación da sociedade sobre o dano cerebral adquirido.

Acto da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) no que participou a Valedora do Pobo, María Dores Fernández
Acto da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) no que participou a Valedora do Pobo, María Dores Fernández | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta