Por Galicia Confidencial | Verín | 29/10/2022 | Actualizada ás 23:00
No 1997 o Concello de Verín empezaba a organizar actividades formativas arredor da figura do Cigarrón co obxectivo de que esta máscara respectara sempre a súa identidade e formas tradicionais. O 'Obradoiro do Cigarrón' busca, dende aquela, transmitir o saber facer sempre dende o respecto a todos os seus elementos constitutivos, agás os compoñentes de produción industrial e o pintado da careta e da mitra.
O Obradoiro do Cigarrón 2022-2023 ofrécelle ás persoas maiores de idade que teñan as tardes libres a posibilidade de faceren a máscara completa ou partes da mesma (traxe ou careta), para o que terán que levar todos os materiais e instrumentos necesarios.
Para faceren o traxe é indispensable que aqueles e aquelas que se anoten teñan coñecementos básicos de confección con máquina de coser e que leven unha ao obradoiro. Ademais, precisan ter adquirido fundamentos previos sobre labor de punto con agulla de calcetar e sobre tecido con agulla de gancho.
As prazas dispoñíbeis son 24, sendo 12 o número máximo de persoas por actividade. As solicitudes, que se tramitan na Casa do Concello, teranse en conta por orde de inscrición, ata completar o aforo e sempre antes do 31 de outubro.
As persoas ás que se lle ofreza a inscrición para participaren en todas as actividades terán que pagar 95 €. O prezo da inscrición será de 75 € para as que só queiran aprender a facer o traxe ou a careta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.