Por Galicia Confidencial | Teo | 04/11/2022 | Actualizada ás 09:00
Achégase o San Martiño e faino cunha ampla programación festiva na que a música e o cabalo serán dous dos ingredientes principais.
A tradicional cita co mundo do cabalo será o 11 de novembro na carballeira de Francos, pero antes e despois desa data preséntanse actividades de gran interese como unhas xornadas sobre cría e coidado de cabalería, unha exposición fotográfica sobre o San Martiño, andainas, obradoiros e lecer para a cativada ou os concertos de Treixadura e Boyanka Kostova.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
O vindeiro sábado 5 de novembro, comezo da programación do San Martiño 2022, haberá unhas xornadas formativas sobre a cría e o coidado da cabalaría. Será na carpa municipal, na carballeira, en horario de mañá e tarde. Esta actividade organízase en colaboración co colectivo Amigos do cabalo de Teo.
Pola noite, ás 21:00 horas, terá lugar o concerto de Treixadura. Con máis de 30 anos de historia, o senlleiro grupo de música tradicional trae a Teo un espectáculo no que se combina a música de raíz cunha visión actual da música tradicional galega. Será de balde e na carballeira.
O domingo 6 celebrarase a Feiriña, un evento pensado para as familias con crianzas. Xa se fixo o ano pasado e contará con música en directo, obradoiros para crianzas e paseos a cabalo. O lugar central da actividade será a carpa municipal.
Este mesmo día, pola mañá farase un roteiro, programado dende Deportes. Ás 10:30 horas sairase da Casa Común de Francos para facer a ruta das tres aldeas polas que transcorre o itinerario. Para participar hai que inscribirse na web do concello.
O mércores 9 inaugúrase a exposición fotográfica Ollares do San Martiño, con imaxes dos fotógrafos Óscar Corral e Noel Feans e da fotógrafa Uma Lopes, realizadas na feira do ano pasado. Na última edición "contamos con estas tres miradas artísticas sobre a feira e este ano queremos compartir parte deste traballo, primeiro nunha exposición na contorna e logo presentando un espazo na web municipal que aloxará o material gráfico" indica a concelleira María López.
FEIRA E MERCADO
Aínda que a feira cabalar só se celebra o 11, nos días previos xa están instaladas as carpas do polbo e moita xente da contorna achégase a tomalo, sobre todo na noite do día 10 de novembro. Nesa xornada, unha véspera moi animada, tamén se celebrarán os tradicionais cantos de taberna.
O 11 chega o día grande no que os cabalos chegan á feira ben cedo. O San Martiño é unha feira cabalar na que a compravenda de animais segue sendo un elemento destacado. Ao carón dos animais tamén hai espazo e tempo para o mercado tradicional e este ano para unha mostra de razas equinas e de gornicións. Segundo indican fontes do Concello de Teo, este ano contarán coa barraca de Barriga Verde con funcións ao longo do día e música e espectáculos en directo como o Ce Pantasma ás 18:30 horas animando a feira.
REFEIRA E ‘MAGOSTO REIVINDICATIVO’
Neste 2022 a festa non remata coa feira. O sábado 12 haberá unha refeira co concerto de Boyanka Kostova. Será na carballeira, ás 21:00 horas e de balde. Esta banda galega, formada por Cibrán García e Chicho, naceu no ano 2016 e presenta unha proposta musical que conecta co trap e coa música urbana.
O domingo 13 péchase o amplo programa do San Martiño cun magosto reivindicativo a cargo de Carlos Santiago co gallo do vinte aniversario da desfeita do "Prestige" e do "Nunca Máis". Será na carpa municipal ás 17:30 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.