Ébola

“Agora que estamos a falar disto, así na intimidade que nos brinda o marco do Galicia Confidencial, xúrolles que moitas veces, mirando ao mar, penso na nosa fraxilidade. Porque, por moito que nos creamos e moito que miremos con fachenda aos nosos avances tecnolóxicos, non somos nada no conxunto da Natureza”.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 09/11/2022

Comparte esta noticia
Estiven unha vez, hai anos, a piques de visitar Lubumbashi, o centro económico máis importante no Congo. E a miña historia con Kinshasa, a maior cidade e capital política do país, é a doutro “case”. Tería sido tamén cando a  frustrada viaxe a Lubumbashi, vía Kampala. Non foi posible. As complicadas condicións de seguridade no país desaconsellaron a miña visita naquel intre, e quedei con gana. Con moita porque, malia a miña estancia antes e despois noutros lugares de África (Magreb e Subsahariana), Congo ten moitos atractivos, moito que ver e sentir e moita historia que contar. E comprender.
 
Con Uganda aconteceume algo parecido. Tiña programada unha apaixonante viaxe alí, con compañeiros cos que descubrir o Ruwenzori, as “Montañas da Lúa”, pero ao final foi preciso mudar as datas da mesma, e eu tiven que quedarme fóra por imperativo laboral. O curso comezaba xa e eu daquela, nos noventa, impartía aulas. Para outra ocasión, pensei para consolarme. Pero tal cousa nunca chegou, polo menos ata hoxe.
 
Uganda e Congo son, entre outros, escenarios habituais da EVE, enfermidade vírica do Ébola, ou febre hemorráxica Ébola, estes días moi de actualidade. Leo a edición electrónica do “The Monitor”, de Kampala, tentando ter máis datos do gromo, da perigosa variante Sudán que estes días está a espallarse polo país. E a cousa non pinta moi ben, fundamentalmente porque a infección xa chegou á capital, que dispón de aeroporto internacional. E xa sabemos, por episodios anteriores desta perigosa enfermidade, que cando o virus chega a este tipo de instalacións non tarda en facerse ver en lugares moi  lonxe, convertendo algo máis local ou rexional nun verdadeiro fenómeno pandémico.
 
Hai outras febres hemorráxicas que xa superaron definitivamente as fronteiras dos seus territorios clásicos. Un bo exemplo disto é a de Crimea-Congo. En España xa hai catro ou cinco casos confirmados ao longo dos últimos anos, e haberá máis. Por que? Pois porque parece que a carracha do xénero Hyalomma, vector da enfermidade, xa encontrou acomodo no noso país, chegando a convivir coa máis autóctona. Supoño que foron os cambios nos patróns migratorios das aves, pola mudanza climática, os que propiciaron a súa chegada. Pero agora xa está aquí e, aínda que ten que ter contacto co virus para converterse en portadora, esas cousas pasan. O último caso coñecido, tomen nota, foi nada menos que no Bierzo. Si, aquí ao lado. E senón que mo digan a min, que outro día contemplaba desde o Tres Bispos a chaira na que se asenta Ponferrada... Teñan coidado coas carrachas, presentes no rural pero tamén mesmo nos parques urbanos.
 
Preocúpame o futuro no tocante ao Ébola, esa enfermidade que ten nome de río, precisamente porque ao lado do seu leito producíronse os primeiros casos desta zoonose. E, máis amplamente, sigo con inquietude a evolución de moitas posibles afeccións víricas latentes. O da Covid-19 foi un ensaio xeral do que pode ocorrer, pero con pólvora mollada. O que está claro é que a capacidade destrutiva da información contida nas cadeas de moitos outros virus é infinitamente maior que no caso do virus que, presuntamente, chegou de Wuhan. Nada que ver.
 
Que me preocupe non quere dicir que me bloquee, ou que viva en permanente pánico por ilo. Pero agora que estamos a falar disto, así na intimidade que nos brinda o marco do Galicia Confidencial, xúrolles que moitas veces, mirando ao mar, penso na nosa fraxilidade. Porque, por moito que nos creamos e moito que miremos con fachenda aos nosos avances tecnolóxicos, non somos nada no conxunto da Natureza. E un fragmento microscópico dunha cadea ou dúas de bases nitroxenadas pode mandarnos rapidamente para o outro barrio, aos humanos e a moitos outros animais e vexetais dos que dependemos e que forman connosco unha lóxica trófica e de interdependencia. Sen máis. Se, ademais, comparamos ao noso planeta ou mesmo ao Sistema Solar, aínda para nós insondable, co resto do Universo, non somos máis que unha pinga doutra pinga de case nada. Nada.
 
Son dos que pensan que o Ébola, o Marburg e, por suposto, o Crimea-Congo van estar aí, no punto de mira, por moito tempo, dando desgustos á humanidade. É certo que para a variante Zaire do Ébola o eido biotecnolóxico xa concretou os seus esforzos en vacinas que funcionan. Pero para a variante Sudán, responsable deste gromo, non as hai aínda. E a capacidade de recombinación dos virus é moi importante, co cal unha vacina que hoxe funcione pode non producir a mesma resposta mañá. Non podemos baixar a garda. É importante dicir aquí que o potente traballo investigador en todo o mundo e as novas técnicas de fabricación de vacinas a partir da crise do Covid-19, van axudar moito nesta liña.
 
Sirva este artigo como expreso recoñecemento á xente que está, neste mesmo momento, partíndose os cornos polos demais nos escenarios da emerxencia en Uganda. Xente do sistema de saúde do país, por suposto, pero tamén de organizacións internacionais e doutras achegas públicas e privadas. Penso que o ébola e outros importantes problemas de saúde, a resposta ás cuitas epidemiolóxicas e, en xeral, a prevención dos desastres humanitarios de todo tipo, son grandes problemas reais da Humanidade. Dos que importan, xunto cos derivados de devir do clima, ou da resposta a todo tipo de eventos que poñen en perigo ao planeta e aos seres vivos nel. E tamén penso que moitas veces a nosa resposta a este tipo de cuestións importantes e urxentes é morna e ambigua, vencellada a outro tipo de intereses ou desdebuxada pola atención a outras cuestións, moito menos relevantes, pero que son as que enchen as portadas dos xornais e se repiten ata a saciedade por uns líderes, locais e globais, diletantes e completamente desnortados. É o que hai.
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Persoal sanitario atendendo a un enfermo de ébola
Persoal sanitario atendendo a un enfermo de ébola | Fonte: Imaxe de arquivo. FOTO: Pixabay
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.