Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/11/2022 | Actualizada ás 15:00
A Comisión de Centro do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) convocou este venres, día 11, unha concentración para denunciar un déficit "alarmante" de persoal, sobre todo de celadores e técnicos de imaxe para o diagnóstico en raios de Urxencias.
"Se a situación continúa igual seguiremos coas protestas", manifestou a presidenta da Comisión de Centro, Lucía Peón, quen asegura que os pacientes "permanecen ateigados en salas de espera horas por non dispor de persoal suficiente que poida facer eses traslados".
Peón cualificou de "denigrante" que calquera persoa teña que estar nun corredor esperando a realización dunha proba ou a que sexa trasladado ao servizo de Urxencias. Engade que este atraso "incide directamente nas altas que se dan de Urxencias ou nos traslados a outras zonas do hospital".
Respecto da postura da Xerencia, Peón asegurou que foi o órgano de representación dos traballadores o que tivo que "forzar" o diálogo. "Nin sequera tivo a dignidade de convocarnos en ningún momento e non puxo nada de nada encima da mesa só intencións".
"DESAGRADABLE REPRESIÓN POLICIAL"
En consecuencia, a presidenta da Comisión de Centro anunciou novas protestas para o vindeiro venres día 18 de novembro e lamentou a "desagradable represión policial", en alusión a "empuxóns", durante a concentración celebrada esta mañá.
"Somos traballadores de sanidade e só estamos a reivindicar o que nos parece que é un dereito, ter máis persoal", argumentou.
RESPOSTA DA XERENCIA
Desde a xerencia da área sanitaria da Coruña, indican que son conscientes "do traballo e esforzo" que fan os seus traballadores de todas as categorías. "A calidade da atención dada aos pacientes que ingresan no hospital, está fóra de toda dúbida".
Mentres, argumenta que "os persoais de todas as categorías profesionais están cubertas ao 100% na actualidade e, de acordo coas valoracións das cargas asistenciais, están a reforzarse as áreas de tabajo e postos con maior actividade". "Xa se reforzaron o servizo e haberá unha reunión entre a xerencia e os sindicatos para avaliar de forma conxunta os recursos e os aspectos organizativos", engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.