María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias reciben os Premios Xerais 2022

Fran Alonso, preocupado polo estado da lingua galega, que "perde falantes entre as xeracións máis novas".

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 12/11/2022 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Tras dúas edicións nas que se tivo que modificar o acto de entrega dos Premios Xerais, a festa de entrega regresou este sábado á normalidade cun acto celebrado no Auditorio do Mar de Vigo, no que os escritores María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recibiron os premios Xerais de Novela, Jules Verne de Literatura Xuvenil e Merlín de Literatura Infantil, respectivamente.

Gañadores Premios Xerais 2022. De esquerda a dereita, Rocío Leira, Anxo Iglesias e María Solar
Gañadores Premios Xerais 2022. De esquerda a dereita, Rocío Leira, Anxo Iglesias e María Solar | Fonte: Xerais.

A tamén xornalista María Solar recibiu o galardón pola súa novela 'A Culpa', un thriller psicolóxico. "Como non emocionarse? Hai tanto traballo detrás dunha novela, como non emocionarse cando recibes un premio que liches e coleccionaches desde a adolescencia?", dixo a premiada ao recoller o premio.

Pola súa banda, Rocío Leira dedicou o seu libro, 'Cicuta para dous', a "aqueles que se permiten o luxo de cuestionar as cousas, a aqueles que son capaces de observalo todo baixo perspectivas diferentes". A novela gañadora do premio Jules Verne é unha obra de investigación pensada para público adolescente, "chea de humor e intriga protagonizada por un filósofo".

O Premio Merlín 2022 foi outorgado a Anxo Iglesias polo seu poemario 'Unha nova dimensión'. Esta é a segunda edición na que este premio recae nun libro de poesía infantil.

O acto, presentado pola actriz e escritora Sabela Hermida, foi inaugurado cun discurso do director de Xerais, Fran Alonso, que felicitou os gañadores e agradeceu o traballo dos xurados.

Ademais, segundo trasladou a editorial, Alonso tivo palabras de agradecemento para o equipo de Xerais, así como para "unha sociedade amiga e cómplice".

Neste sentido, destacou a "prodixiosa literatura dun país pequeno", que alcanzou 25 premios nacionais nas últimas décadas e 11 dos últimos 23 premios Lazarillo convocados.

Así mesmo, Fran Alonso falou tamén da preocupación que asegurou ve Xerais polo estado da lingua galega, que "perde falantes entre as xeracións máis novas". Desa preocupación nace o isólogo 'Fálame Sempre', de Pepe Barro, co que a editorial quere abrir unha liña de publicacións sobre esta cuestión.

"O futuro da lingua galega é tamén o futuro de Xerais, o futuro da edición galega, o futuro da literatura galega e o futuro da nosa cultura", reivindicou.

Ismael Ramos foi o encargado de pechar o acto cunha lectura dalgúns dos seus poemas na obra 'Lixeiro', editada por Xerais e pola cal conseguiu o Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández este ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta