Campaña para evitar que La Coruña, La Toja ou Sanjenjo aparezan en Google Maps ou Apple Maps

A Mesa lanza unha campaña pedindo a restauración da toponimia oficial en navegadores e aplicacións de mapas dixitais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/11/2022 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou o lanzamento da campaña 'Polo seu nome', coa que busca mobilizar a poboación pola restauración da toponimia en navegadores e aplicacións de mapas dixitais.

Captura de Google Maps co topónimo deturpado da Coruña (*A Coruña). CAPTURA
Captura de Google Maps co topónimo deturpado da Coruña (*A Coruña). CAPTURA

A campaña reclama das compañías de mapas dixitais e navegación a restitución da toponimia nas súas aplicacións, sinalizando os lugares unicamente coas formas galegas, lexítimas e oficiais e empregando como base de datos fiábel e válida a incluída no nomenclator oficial de Galicia.

A iniciativa, que xa está na web e redes sociais e que chegará tamén aos concellos, ao Parlamento galego e ao Congreso, acompañarase de accións de todo tipo, incluídas as xudiciais para "salvagardar dereitos que tanto costou conquistar e que hoxe están a ser postos en cuestión". O obxectivo é que a sociedade e o conxunto de poderes públicos actúen decididamente diante destas empresas para que corrixan e restitúan todas as denominacións deturpadas.

"AGRESIÓN Á TOPONIMIA GALEGA"

"Nun contexto de agresións á toponimia consentidas polas autoridades responsables de garantir o seu respecto, A Mesa salienta a forza da acción colectiva na defensa do rastro no territorio da nosa existencia como pobo", indica a entidade nun comunicado. "A mobilización social é a principal ferramenta para conseguir avances para o galego, desde a oficialidade á toponimia ou o uso en todos os ámbitos da vida", destaca o presidente da entidade, Marcos Maceira.

"A toponimia é unha pegada lingüística dun pobo sobre o territorio no que historicamente se desenvolveu", destaca o presidente da entidade de defensa da lingua, "e é unha evidencia da súa existencia e fonte de coñecemento desa lingua e cultura". Neste sentido, A Mesa afirma que o elemento con máis incidencia na última vaga castelanidora é a que emprega as aplicacións de navegación e xeolocalización.

Os casos máis coñecidos son os de Google Maps ou Apple Maps. A deturpación dos nomes de lugar reprodúcese a través de outras aplicacións, redes sociais ou páxinas web, introducindo ao tempo novas deturpacións en nomes de lugar que até o de agora non se viran afectadas polas ondas anteriores. "Chega a extremos de envíos postais ou de mensaxaría que non se reciben no seu destino por o nome oficial e de uso común non coincidir coa forma deturpada que só existe nos mapas das aplicacións, mais que por influencia destas aplicacións acaba por comezar a se estender", critica.

A Mesa lembra que, aínda hoxe,  hai autoridades do Estado que supostamente deben garantir o respecto pola lei, e que "deturpan" topónimos como Ourense, A Toxa ou Sanxenxo, ou gobernos autonómicos a aproveitaren a situación para mudaren o nome da ría de Ribadeo.

RÍA DE RIBADEO

En relación á modificación do nome da Ría de Ribadeo proposta polo goberno de Asturias, A Mesa presentou alegacións conxuntamente coa Plataforma de Mariños de Ribadeo e está disposta a defender onde for preciso o nome galego e único lexítimo como único oficial.

A base destas alegacións non está en criterios de tipo histórico- científico determinado por institucións competentes como a Comisión de Toponimia de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega ou o Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela, senón en que estas institucións – cuxo ámbito transcende as fronteiras administrativas e comprende o conxunto da comunidade lingüística galega- son as que teñen lexitimidade para determinaren e valoraren que nomes son os propios da lingua galega nas súas diferentes variedades territoriais, incluída a do Eo-Navia. Todas elas coinciden en que o único nome posíbel é Ría de Ribadeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Carmen

Como non vou estar de acordo, xa vai sendo hora de volver ás cousas ao seu sitio.

3 Txus

Fomentemos o galego nas familias. Facendo que os nenos o falen, na casa e nas ruas o demais vai rodado. Mentras a semente non prenda, non teremos froito.

2 Sentidiño

Hei apoiar sen dúbidas esta campaña dirixida a empresas transnacionais privadas. Mais preocúpame moito máis que a mesmísima Universidade de Santiago de Compostela sexa incapaz de implementar o "puntogal"! Unicamente os NOVOS nomes de usuario (estudantado de 1° curso de 2022), e as súas correspondentes contas de correo, levan a extensión ".gal". Milleiros de contas de profesorado e persoal de administración (case que a totalidade) levan como matrícula ".ES".

1 Moinw

Eu residi durante anos nas Astúrias de Uviéu, a genreira que professam muitos dos nacionalistas astures e espanhóis sobre todo o galego é digna dos nazis. Nom querem entender que as divisons administrativas criou-nas Madrid há uns 230 anos; mas a antropologia e a fala cria-na o povo no seu desenvolvimento como colectivo; e que as Terras Eu-Navia som Galiza desde umha perspectiva cultural, ainda que formem administrativamente parte do Principado. Ninguem questiona que a língua que se fala em Austría, em Cantons suíços é o alemám, ainda que esses territórios sejam parte de outro Estado.