Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2022 | Actualizada ás 18:53
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores, un día despois da aprobación no Parlamento de Galicia, a lei pola que se actualiza o soldo dos empregados públicos da Administración autonómica, así como a orde pola que se confeccionarán as nóminas co obxectivo de facer efectiva estas contías xa neste mesmo mes.
O propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, comprometeu esta axilización na súa intervención na presentación da lei que foi aprobada por unanimidade da Cámara por lectura única e para o que se dispuxeron máis de 78 millóns de euros para actualizar desde o persoal da Administración Xeral, ata o persoal da Administración de Xustiza, pasando por todo o persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Ademais, tamén se actualizan os soldos dos membros do Goberno autonómico, para os que xa se contemplaba unha subida nos orzamentos do próximo ano dun 4 %, o que situaba inicialmente (falta por saber se sobre a actualización actual vaise a corrixir o incluído nas contas autonómicas) en 82.843 o salario do máximo mandatario galego, o que supón algo máis de 6.900 euros ao mes.
Coa actualización do 1,5 %, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cobrará ao mes 6.735,25 euros (este ano), segundo o anexo I da orde das nóminas publicada na súa edición deste mércores no DOG, mentres que os dous vicepresidentes segundos e o resto de conselleiros, 5.878,30 euros mensuais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.