Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/11/2022 | Actualizada ás 13:22
Tras o bo sabor de boca da sesión de comedia que ofreceron Ledicia Sola, Marta Doviro e Antía Costas o pasado mércores 23 de novembro no Riquela Club de Santiago, o Outono Códax 2022 entra na súa última semana. Na mesma sala, este xoves 24 terá lugar o concerto da banda do bluesman californiano J.C. Smith.
Este músico é orixinario da área da baía de San Francisco, onde é considerado un intérprete que destaca pola súa enerxía e carisma. J.C. toca o blues coma se estivese sendo guiado por mestres como T-Bone Walker, AlbertKing ou Johnnie Guitar Watson.
O ano 2001 marcou o lanzamento do primeiro traballo de Smith, Midnight Creeper, que xa atraeu a atención internacional. En 2004, lanzou That's What I'm Talk'n'Bout, coproducia pola nomeada ao Grammy Joanna Connor e coa colaboración de Willie "BigEyes" Smith, quen traballou con Muddy Waters durante vinte anos. En 2006 J.C. Smith foi o gañador do premio á Banda de Blues do Ano na Costa Oeste entregado pola Blues Society.
Ese ano foi nomeado aos premios Grammy na categoría de Mellor disco de Blues Contemporáneo
Pero foi o lanzamento de Defining Cool (2009), considerada a súa mellor gravación ata a data, a que afianzou a carreira de J.C. Smith. Ese ano foi nomeado aos premios Grammy na categoría de Mellor disco de Blues Contemporáneo.
J. C. Smith ten compartido escenario con artistas como Hubert Sumlin, BB King, Buddy Guy ou Buddy Miles. Recentemente foi felicitado polo mesmísimo Mick Jagger tras a súa participación nun festival.
ENTRADAS
Venda física en: A Reixa-Matrioska (Compostela); Bonus Track (Ourense); Rock Box (A Coruña); Elepé e Honky Tonk (Vigo; Carnaby (Pontevedra)
Venda online en: www.ataquilla.com
PREZO: 12€ (ant.)[+gastos] | 15€ (billeteira)
As persoas que dispoñan do Bono Cultura poderán utilizalo e mercar as entradas ou o abono cun 50% de desconto nos puntos de venda físicos de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.