A veciñanza de San Xoán de Río buscará solucións ao despoboamento en Bruxelas

Veciñas e veciños deste concello viaxaron a Bruxelas para coñecer as institucións europeas e facer os contactos necesarios para que o rural volva a ser un lugar para poder vivir sen ter que emigrar.

Por Galicia Confidencial | San Xoán de Río | 25/11/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A idade media da poboación da Unión Europea aumenta cada ano, superando xa os 44 anos e dentro dela hai unha zona, con epicentro en San Xoán de Río que bate records e a media de idade xa supera os 63,5 anos. Isto atrae a múltiples medios de comunicación para ver como sería esta Europa do futuro avellentada, entre eles o Wall Street Journal.

San Xoán de Río (Ourense)
San Xoán de Río (Ourense) | Fonte: Ramon Reboledo en Wikipedia.

“Dende a entrada de España na Unión Europea, o concello de San Xoán de Río perdeu o 80% da súa poboación pasando de 3.000 a 500 habitantes, pechando o 90% das explotacións agrogandeiras das 300 que había, obrigando a xente xoven a emigrar, pasando dunha ducia de colexios a pechar todos”, sinalan dende o goberno local ao tempo que esperan reverter a situación coa chegada de iniciativas emprendedoras “para reverter a situación”.

Para expoñer as súas problemáticas, e as que entenden son as solucións a aplicar, un grupo de 25 veciños de San Xoán de Río, organizadas por CEUS (Coalición por Unha Europa Solidaria), desprazáronse esta semana a Bruxelas para coñecer as institucións europeas e facer os contactos necesarios para que o rural volva ser un lugar para poder vivir sen ter que emigrar. “San Xoán de Río ten a día de hoxe os datos demográficos que vai ter Europa nun futuro non moi lonxano, e queremos ser un laboratorio de probas para mellora da calidade de vida da nosa veciñanza e con elo ser o espello para o resto de pequenos concellos rurais europeos coa mesma problemática ca nosa para poder mudar a situación actual”, afirma o rexedor local, Xosé Miguel Pérez Blecua.

A expedición, ademais de polo alcalde, está composta por integrantes da Asociación Cultural RíoMola, a Asociación de Mulleres Anel, varios gandeiros representando ao sector agrogandeiro e un grupo de xubilados.

Ceus, organizador da viaxe, púxolles unha completa axenda organizando reunións con eurodeputados e a visita a Fundación Galicia Europa. O día mais intenso chegará o venres 25 coa visita ou Parlamento Europeo e a visita á Casa da Historia Europea. O sábado, despois das últimas reunións técnicas, regresarán a San Xoán de Río.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta