"Se estes anos asasinaron a tantas mulleres será porque algo farían", declaración dun estudante galego de 2º de ESO

A campaña 'Agresión Off' da Secretaría Xeral de Igualdade percorre os municipios galegos para concienciar na loita contra a violencia de xénero

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 25/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Se asasinaron a tantas mulleres estes anos será porque algo farían, ninguén mata a outra persoa por nada". Frase dun estudante galego de 2º de ESO. Pode parecer incríble, pero é certo. Como igual de certos son outros comentarios de estudantes de 13-14 anos como: "Unha muller non ten o físico necesario para ser policía" ou "cando tedes a regla poñédesvos moi raras".

Muller dicindo 'non' á violencia de xénero
Muller dicindo 'non' á violencia de xénero | Fonte: Commons

Dende o pasado 26 de setembro a Secretaría Xeral de Igualdade está a desenvolver unha campaña de loita contra a violencia sexual que pretende sensibilizar á poboación e facer entender a xóvenes e maiores que nada xustifica as agresión sexuais. Baixo o logo 'Agresión Off', un stand atendido por expertas en igualdade percorre as rúas dos diferentes concellos galegos, cargado de material informativo, xogos e merchandising.

Esta iniciativa vai aló onde a chamen, tendo presenza en lugares moi variados: dende colexios ata prazas pasando por feiras, mercadillos ou centros de día. E é que non hai idade para aprender a combatir a violencia de xénero, unha lacra que nos implica a todos como sociedade, e que nunca debe quedarse no seo do fogar, pois debe ser denunciada.

Baixo estas premisas, tal e como nos contan as expertas que rexentan o stand, atopáronse con situacións de todo tipo. Aínda que ben é certo que confesan que a poboación cada vez está máis informada e, por tanto, a prol desta iniciativa. Dende Galicia Confidencial recollemos as situacións máis surrealistas que tiveron que atravesar, especialmente ao relacionarse cos cativos.

OS MICROMACHISMOS NON SON TIDOS EN CONTA E AS ACTITUDES TÓXICAS EN REDES SOCIAIS XUSTIFÍCANSE

"A violencia de xénero é cando un xénero agrede ao outro", é a resposta habitual que lles dan cando fan en centros educativos a pregunta: Sabedes o que é a violencia de xénero? Amósase así unha falta de coñecementos sobre este tipo de agresións machistas entre os máis novos, que pensan que non só as mulleres sufren malos tratos, senón que tamén os homes e deberían ser defendidos de igual xeito, sen entender que iso é outro tipo de violencia, moito menos habitual.

Outra resposta frecuente a esta pregunta é "a violencia de xénero dase cando un home mata a unha muller". Como se só se reducise a iso, deixando fora todo o demais: as violacións, as ameazas, as humillacións, os micromachismos... Precisamente, os micromachismos son algo que tampouco teñen moi claro: "son machismos pero máis pequenos, que non teñen importancia". E claro que teñen importancia, porque precisamente son situacións arrastradas dun pasado patriarcal que moitas veces pasan desapercibidas a ollos da sociedade e que hai que tratar de mudar.

Nos exemplos deste tipo de situacións, un dos xogos propón aos rapaces que identifiquen o feito de que 'ao ir a un restaurante a conta directamente lla poñen ao home' cun tipo de violencia. E non son quen de dicir que é un micromachismo, de feito parécelle ben, algo positivo, que o home invite á muller, sen darse conta do trasfondo de dependencia económica que iso esconde tras de sí. 

Xa por non falar de condutas relacionadas con redes sociais, onde os cativos cren que se a súa parella lle manda eliminar fotografías de Instagram ou lle impide falar con outros rapaces por WhatsApp é porque "me quere e esta celoso". O control xustifícano cos celos, algo que non ven como algo tóxico, senón como algo derivado do amor.

OS ANCIÁNS CREN QUE O HOME PASOU A UN SEGUNDO PLANO

Por outra banda, entre os máis anciáns, tamén é habitual que se produzan incidencias, polo choque xeracional das ideas. "Unha muller ás veces trata de chegar ao límite da paciencia do home coma se buscase ser agredida", dicíalles un ancián que expresaba a súa opinión sobre a violencia de xénero, poñendo o énfase sobre a vítima, e xustificando ao agresor.

"Este caseto había que levalo para Irak, que é onde fai falla, aquí xa tedes igualdade e mesmo nos superades en dereitos", berroulles unha vez un home tamén de avanzada idade, que consideraba que tanta defensa da igualdade estaba facendo que as mulleres estuvesen sobreprotexidas e que os homes fosen os que agora quedaban relegados a un segundo plano.

E xa no trato coas mulleres, aseguran que ao longo do que levan de campaña pasaron tamén polo stand moitas que quixeron compartir a súa experiencia como vítimas de violencia de xénero que lograron saír do burato negro, mais que non lles foi nada doado pola violencia institucional á que se viron sometidas. "Cando fun denunciar ante a Garda Civil o primeiro que me preguntaron foi se eu fixera algo para provocarlle unha reacción de ira", díxolles unha.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

"Se estes anos asasinaron a tantas mulleres será porque algo farían". Isto ou ben escoitouno na súa casa ou a outro coleguilla que adquiriuno no seu fogar. Estas expresións non as inventa un adolescente.