Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 13:50
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou este mércores o programa 'Faíscas Culturais', unha iniciativa que busca "acender" a reflexión nas aulas a través de manifestacións artísticas e culturais.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, avanzou os detalles deste proxecto que nace coa idea de ter continuidade ao longo dos próximos anos e parte dunha colaboración co Centro Dramático Galego (CDG) tras a firma fai un par de semanas dun convenio entre as entidades.
Nesta sesión, explicou a primeira 'faísca' do programa 'Conversas con Shakespeare', para achegar a nova produción do centro dramático 'Shakespeare en Roma' ás aulas da universidade e así promover o coñecemento dos estudantes e a participación dunha maneira reflexiva.
Distintas persoas vinculadas a esta montaxe estarán nas clases das facultades de Historia, Filosofía, Filoloxía, Ciencias Políticas e a facultade de Formación ao Profesorado en Lugo. Ademais, esperan xerar algunha actividade de tipo transversal na biblioteca Concepción Arenal.
Segundo adiantou Murias, haberá outro tipo de actividades vinculadas a outras institucións ou creadas pola propia universidade, como a prevista para a celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Ademais, concretou que aínda que non todas as 'faíscas' van ser de participación en aulas, buscarase enganche co currículo do estudante.
PRIMEIRO ENCONTRO EN CIENCIAS POLÍTICAS
Así mesmo, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, anunciou o primeiro encontro, este xoves na facultade de Ciencias Políticas, onde realizarán un relatorio a partir de catro textos de Shakespeare. Por mor deles, exporán preguntas ao alumnado con consígana de que 'O teatro non nace para dar respostas senón para crear preguntas'.
Sobre o proxecto, destacou que, a pesar de ser un camiño "difícil e duro" ao tratarse dunha iniciativa nova, esperan que se difunda e expanda a outras universidades tanto a nivel autonómico como estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.