Estes son os vídeo-clips cos que estudantes musicaron dous poemas de Florencio Delgado Gurriarán

Este mércores presentaranse nunha gala no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

O vindeiro mércores 21 de decembro, ás 11:00h, presentaranse nunha gala no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro os dous vídeos musicais que, a partir de dous poemas de Florencio Delgado Gurriarán, musicaron as comunidades educativas dos dous centros de ensino. A maiores, tamén haberá unha serie de actuacións do alumnado de ambos centros unindo música, danza e palabra baixo un mesmo propósito solidario: xuntar productos de nadal para o banco de alimentos do Concello de Ames.

Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022. RAG
Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2022. RAG

O proxecto "O poeta que baila" realizouse ao longo do pasado curso e mais no curso actual e ten como obxectivo coñecer e dar a coñecer a vida e obra do poeta homenaxeado o Día das Letras Galegas 2022, vinculando os seus valores aos valores da xuventude galega do século XXI. O proxecto gañou o Premio á Innovación Educativa en Normalización Lingüística no 2022. "O poeta que baila" é un proxecto que xira arredor do baile, a música, a literatura e a lingua, coa finalidade de ligar lingua, música e xente nova. O resultado deu lugar a dous vídeos musicais.

No IES Milladoiro foi musicado o poema “Sede na nova Galiza” nun proceso creativo conxunto co alumnado do “Colectivo Euterpe” e artistas como Xurxo Souto (encargado de enxarmar a melodía), Lola de Ribeira (voz e percusións), Ricardo Gurriarán (emocións e voz) e Richi Casás (saxo). O vídeo-clip foi dirixido pola artista Antía Ameixeiras e coregrafiado polo corpo de baile do alumnado. Unha rancheira-galega achegada ao paso dobre para danzar coa poesía cautivadora de Florencio Delgado Gurriarán.

No IES Marco do Camballon de Vila de Cruces foi musicado o poema "Pandeirada" nun proceso conxunto entre o músico Xabier Díaz e alumnado e profesorado do instituto. O poema representa unha foliada con adufes e pandeiretas e outros instrumentos e o vídeo, dirixido por Nerea Fiúza, protagonízao un baile tradicional coreografiado polo alumnado das Cruces.

“Ademais de do coñecemento da súa obra, quixemos activar unha sensibilidade cara ao propio sentido lúdico e festivo da poesía de Florencio, ademais dun sentido crítico sobre a súa vida e produción literaria”, sinalan nun comunicado. “Quixemos unir a poesía e a festa a través do baile, na procura de experiencias reflexivas e emocionais dentro e fóra das aulas”, finalizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta