Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2022 | Actualizada ás 16:59
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou este xoves establecer un tope ao prezo dos combustibles e ao prezo da enerxía en 2023, "unha medida máis eficaz e con máis repercusión, sobre todo para as clases populares".
Segundo trasladou o partido nun comunicado, Rego criticou a demora do Goberno que "segue sen aclarar se prorrogará para 2023 a bonificación de 20 céntimos por litro o que provoca unha total incerteza para as persoas usuarias".
Nesta liña, sinalou que a ausencia dunha posición sobre o asunto "está a provocar inseguridade e certo caos entre as persoas usuarias", que "están a chegar a acumular combustible nos seus fogares, por se a medida finalmente non se mantén".
Así, Rego demandou ao Executivo central que no próximo Consello de Ministros (convocado para o 27 de decembro), "aprobe un Real Decreto que recolla o establecemento dun tope aos prezos dos combustibles e a electricidade para 2023".
Deste xeito, resaltou que o Goberno de Sánchez debe "levar a cabo medidas reais" que solucionen os problemas da cidadanía e sinalou que "xa basta de parches".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.