Queres visitar o primeiro pazo da Historia de Galicia, o lugar onde se descubriu a víbora galega?

Dende este sábado poderás acceder ás visitas guiadas ás Torres do Allo, no municipio coruñés de Zas.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 06/01/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As Torres do Allo de Zas son unha desas xoias arquitectónicas descoñecidas para a meirande parte da sociedade galega. É ben certo que non sabemos o que temos na nosa terra! Esta construcción de fai cinco séculos viría a ser o primeiro pazo galego que existiu e que inspirou a todos os que o sucederon, segundo apuntan os últimos estudos patrimoniais realizados. Ademais, no seu amplo xardín teríanse descuberto novas especies.

Torres do Allo
Torres do Allo | Fonte: Torres do Allo

En concreto, esta casa señorial pertenceu á familia dos Riobóo e a súa historia remóntase fai cincocentos anos atrás, na época das Revoltas Irmandiñas. Empezaría a construírse no século XV cun marcado estilo barroco e renacentista. A idea era que servise como sucesor civil dos castelos medievais que estiveron desperdigados por todo o Reino de Galicia.

De feito, todo parece indicar (aínda que non está 100 % confirmado) que antes do pazo, na zona houbo un castelo ou unha torre de defensa ubicada nas lombas que o arrodean, que, precisamente, reciben o nome de Castelo Grande e Castelo Pequeno. E que foi desta fortificación? Pois, como moitas outras, sería derribada durante a Revolta Irmandiña (1467-1469, conflito social no que os campesiños, afogados polos impostos establecidos pola nobreza, se alzaron contra os señores).

Xa destruído o antigo castelo, o terreo pasaría a ser propiedade de Berenguela de Moscoso, pertencente á casa de Altamira, e casada co fidalgo Gómez de Riobóo Vilardefrancos, da linaxe de Pardiñas Vilardefrancos. O nome do lugar, O Allo, viría de que Gómez de Riobóo era un vasallo dos Moscoso e, segundo a tradición familiar, era 'ayo' dos seus señores, é dicir, unha persoa de confianza que se ocupaba do coidado e educación do fillo primoxénito. 

DÚAS TORRES CASE XEMELGAS, MAIS DE DIFERENTES ÉPOCAS

Carballeira de acceso ás Torres do Allo
Carballeira de acceso ás Torres do Allo | Fonte: Torres do Allo

Berenguela e Gómez de Riobóo tiveron catro fillos e foi o menor deles, Alonso Gómez de Riobóo, quen herdou as propiedades do Allo e decidiu construír a que se coñece como torre vella ('Torre vieja'), a torre norte do palacio. Non se sabe con certeza cando foi isto, pero en todo caso tivo que ser entre 1480 e 1512. De estilo gótico tardío, ten dous pisos e a pesar de ser arquitectura civil, ten moitos elementos defensivos propios da militar: ventás saetas para poder disparar frechas, escudos de armas e unha soa porta de entrada reforzada.

Unida a ela está a 'casa forte', ou 'Casa do Allo', unha estrutura cadrada con grosos muros sobre a que se apoiou o levantamento de torre. En teoría tería servido anos despois como vivenda para os servintes dos Riobóo.

Do outro lado do pazo, á esquerda, está a 'Torre Nueba', ou a torre do sur, edificada case 200 anos máis tarde que a torre norte, entre 1669 e 1685, aínda que co mesmo estilo, sendo prácticamente unha réplica para formar un conxunto simétrico. Constitúe un dos exemplos máis antigos e acertados do respecto ao patrimonio en materia de restauración. Foi ordenada construír por Gómez de Riobóo e Seixas como ampliación para a súa familia grazas a que mellorou a súa posición social.

"Hicimos el quarto y Torre nueba a la parte del Sur porque nos allábamos apretados de casa, que nos costó más de dos mil ducados, que uno y otro es de honra y provecho para el Señor y poseedor de esta Casa del Alló", asegura un escrito no libro familiar. A pesares de imitar á outra torre, incorpora elementos barrocos como molduras con motivos vexetais formando o marco das ventás para poder diferenciar xerárquicamente as dúas plantas do edificio. 

UN GRAN BIÓLOGO QUE MANTIÑA CORRESPONDENCIA CO MESMO DARWIN

Víctor López Seoane foi un dos naturalistas máis importantes do seu tempo. Zoólogo, botánico, meteorólogo... Este científico de renome internacional nado en Ferrol no 1832 rematou formando parte da familia dos Riobóo ao casarse con Francisca de Riobóo e Álvarez, dona do Allo no 1870. Dende entón, López Seoane estableceu a súa residencia nas señoriais Torres do Allo adicando a súa vida ao estudo da flora e fauna galegas, descubrindo varias especies.

Dende O Allo participou na modernización dos procesos científicos grazas á correspondencia que mantivo co recoñecido biólogo Charles Darwin, autor da teoría da selección natural das especies. Estas misivas cambiaron por completo a forma de Seoane de entender a actividade investigadora e influenciárono decisivamente para comezas varios proxectos de gran relevancia. Un deles, a primeira Historia Natural de Galicia.

Mentres Seoane mandaba plantar a avenida dos carballos na entrada ás Torres do Allo e reformaba o xardín barroco que se agocha tras o pazo, descubría novas especies e realizaba o Catálogo dos Arácnidos de Galicia, o Catálogo dos Anfibios e Reptiles de Galicia, o Catálogo da Colección de Aves, o Catálogo da Colección Herpetolóxica, os Traballos Botánicos sobre Plantas Insectívoras... 

E quen sabe se sería durante un dos seus paseos pola horta do Allo cando descubriu a píntega galega, a 'salamandra salamandra gallaica', dúas novas especies de rás e a chamada víbora galega, a 'vípera berus seoanei'. En todo caso, o Pazo do Allo convertiuse coa chegada de Víctor López Seoane nun lugar case académico, frecuentado por intelectuais e estudiosos da época. 

Debuxo da arquitectura das Torres do Allo
Debuxo da arquitectura das Torres do Allo | Fonte: Torres do Allo
Víbora galega
Víbora galega | Fonte: Torres do Allo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta