Que pediron vostedes para a noite máis máxica?

“Hai moito tempo que comprendín que as cousas materiais e o amor e o cariño van por camiños ben diferentes. É por iso que non pido cousas físicas, tanxibles, senón algunhas moito máis complicadas de encontrar. Pido comprensión, afecto, alegría, paciencia e complicidade para abordar a nosa existencia con ilusión e moita forza. E, cando me poño máis filosófico e penso no conxunto, entón o que pido merece un parágrafo aparte...”

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 07/01/2023

Comparte esta noticia
Moitos anos atrás, un pouco antes destas datas máxicas que están a marchar, houbo un debate fondo e continuado ao longo de varios recreos no patio dunha escola. Foi en Coruña, alí polos setenta, pero ben podería ter acontecido en calquera outro lugar, coma seguro que así foi tamén. O tema, se os Reis Magos eran ou non eran os pais. Eu lideraba un dos bandos, o que afirmaba que pensar iso eran tolemias e que  sabía de boa tinta da existencia de Melchor, Gaspar e Baltasar. Teño que recoñecerlles que, conforme pasaron os días, fun quedando só na miña argumentación e defensa. E o desastre final chegou cando, desgustado, cheguei á casa e lles comentei a miña nai e ao meu pai o que a rapazada andaba a dicir dos Magos... Non sei que pasou entón, pero algo houbo na súa resposta que me deixou moito peor, no que foi unha sutil forma de aconsellarme que non perdera xa moito máis o tempo con regueifas nas que razón non tiña, por moita ilusión que me fixese que as cousas fosen doutra maneira...
 
Tempo ten pasado desde entón, claro, e moitos dos meus referentes daquela época xa non están connosco, polo menos de forma física, aínda que ben presentes na memoria e mesmo en moitos dos meus escritos. Nin papá e mamá, nin algún dos profesores e profesoras que asistían divertidos aos nosos desencontros, e mesmo tampouco algúns dos compañeiros que andaban en tales disquisicións. Os tempos teñen mudado moito, para ben en gran parte dos aspectos desde aquel país nos últimos tempos da ditadura e primeiros da transición, e hai tempo que os Reis, o Apalpador, Papá Noel, San Nicolás e Santa Claus pasan doutra maneira pola casa. Pero, supoño que son os ecos e os retrincos daquela época, que chegado este tempo eu sempre fago a miña reflexión de que lles pido aos Magos para que mo traian na noite máxica. E iso é o que hoxe, mirando ao mar, quero compartir aquí. E vostedes? Piden algo tamén nestas datas, non? Fan carta, coma eu? Xa me dirán...
 
O feito é que hai moito tempo que comprendín que as cousas materiais e o amor e o cariño van por camiños ben diferentes. Por iso son dos que agradezo moito máis un biscoito ou unhas croquetas caseiras feitas polo que agasalla, un debuxo, ou mesmo un sorriso, por enriba da cousa máis sofisticada que poidamos atopar nas tendas. É por iso que non pido artefactos ou trebellos físicos, tanxibles, senón cousas moito máis complicadas de encontrar. Pido comprensión, afecto, alegría, paciencia e complicidade para abordar a nosa existencia con ilusión e moita forza. E, cando me poño máis filosófico e penso no conxunto da sociedade, entón o que pido merece un parágrafo aparte...
 
Pido consensos. Pido amplitude de miras. Os primeiros, amplos e ata xenerosos, imprescindibles porque non podemos continuar sendo un grupo humano que camiña a bandazos, de maneira que as cousas de comer (a sanidade, a educación, o social...) vaian crecendo e minguando, variando o seu alcance e as súas liñas estratéxicas, se é que as hai, segundo quen estea ao fronte da cousa común. Faltan consensos porque isto non é a peza de ninguén, senón de todas e todos, e o importante é que os avances nas políticas sexan verdadeiramente duradeiros. E o segundo, tal amplitude, porque senón seguiremos a ser de curtos prazos, pensando en dous, tres ou catro anos, e non deseñando que sociedade queremos e por que, e a que imos renunciar no individual para que todos e todas, como colectivo, poidamos formar unha verdadeira sociedade. 
 
Pido capacidade, porque o coñecemento non está de moda, e porque hoxe parece que moitos se fixan e interesan máis na anécdota audiovisual intensa e efémera que no traballo calado, apegado aos conceptos, rigoroso e que ten a posibilidade de mellorar as nosas vidas, tanto no eido científico como no social, cultural e humano. Pido empatía e solidariedade, porque non ten sentido que un grupo relativamente reducido de nós blinde a súa existencia e modo de vida, mentres os outros padezan e malvivan. Temos que ver moito máis aló do noso propio nariz, e pensar solucións diferentes, para tempos claramente distintos, por enriba dos intereses individuais e as posturas inmobilistas ancoradas en situacións previas de poder.
 
Pido humildade, para min e para os demais, para que os nosos indiscutibles logros non nos trabuquen e nos deixen ver a nosa fraxilidade e todo o que necesitamos ás persoas. Pido comprensión. E pido amizade, en tempos líquidos nos que a sociedade camiña cara a inconexos estados onde as persoas teñen menos referentes, dispostos tamén a moito menos pola súa veciñanza.
 
Con tales vimbios, escribín a carta, e mandeina hai uns días xa non recordo se a algún país remoto ou mesmo a algunha realidade paralela, ao mellor tralo horizonte de sucesos dalgunha estrutura física diferente e inquietante. Non sei se terei resposta, pero quedei contento porque na mesma expresaba, unha vez máis, os meus desexos máxicos para unha noite verdadeiramente única. Aquela mesma na que, tantos anos atrás, non eran as nove e media cando estabamos xa na cama, medio tremendo por se non quedabamos durmidos e viamos ou ouviamos algunha cousa que non fose do agrado dos Magos, e implicase ter carbón en vez dos agasallos que, por aquel entón, eu si que me afanaba en pedir con material agrado...
 
Felices Reis. E que o que non nos traian, traballemos xuntos nós por conseguilo...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Os tres Reis Magos subidos en dromedarios na cabalgata de Ourense
Os tres Reis Magos subidos en dromedarios na cabalgata de Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.