Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 20:15
Unha trintena de persoas concentráronse este martes na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, "en defensa da democracia brasileira" e "en apoio ao presidente Lula da Silva", despois do asalto ás sedes do tres poderes de Brasil o pasado domingo e que acabou con máis de 1.000 detidos.
Baixo a choiva, os asistentes leron un manifesto en cuxa lectura participaron, entre outras, a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, ou a portavoz o BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín.
Convocados polo Comité Popular de Luta da Galiza, concentráronse "en defensa da democracia e das institucións" brasileiras e "en apoio ao presidente Lula", que tomara posesión o 1 de xaneiro de 2023.
No manifesto, aseguraron que deste episodio os brasileiros sairán "fortalecidos e vencedores". "Non existen dous 'Brasís', só existe un: o da xustiza social e do pobo brasileiro", proclamaron.
O presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández, sostivo que non se trata só de defender a democracia, "senón o dereito das persoas pobres". Sobre isto, dixo estar convencido de que en Brasil "se vai abrir un gran momento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.