Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/01/2023 | Actualizada ás 21:00
Segundo os datos recollidos polo Concello de Allariz durante o 2022, un total de 33.828 visitantes foron atendidos na oficina de información turística, sendo un 90,69% de orixe estatal e o restante 9,31 % internacional.
A procedencia das persoas atendidas na instalación turística municipal é principalmente galega, destacando a provincia de Pontevedra, seguida pola Comunidade de Madrid, Castela Leon, Andalucia e Pais Vasco.
Un 90,69% das visitas son de orixe estatal e o restante 9,31 % internacional
“Seguindo as estatísticas de que só un 15-20% dos visitantes entran nas oficinas de turismo, o resultado de visitas a Allariz durante o 2022 loxicamente sería moito maior", subliñan dende o equipo de goberno.
QUE INTERESOU MÁIS AOS VISITANTES?
O interese principal dos turistas foi a información local, sobre museos, e recursos da zona, resaltando este ano o interese por Santa Mariña de Augas Santas e pola gastronomía e produtos locais. O turismo comercial e de consumo, así como a axenda de eventos municipais, completan os atractivos alaricanos e permiten alcanzar estas cifras de visitantes ademais de manter o interese pola vila.
Os eventos consolidados en Allariz, como pode ser a Semana Santa ao Vivo, a Festa do Boi, o Arte de Man, as Xornadas de Carne de Boi, ou a tempada de verán, hai que lle sumar eventos como o Allariz de Medo ou o Nadal no que o municipio alaricano convertese en lugar de visita obrigatoria.
Allariz, ademais de polo turismo patrimonial e gastronómico, destaca por ter unha consolidada axenda de eventos durante o ano
VALORACIÓN DOS DATOS
Dende o Concello dan por bos estes datos de visitas e fan fincapé na necesidade de desestacionalizar todo o que se poda intentando buscar e fixar eventos en datas do ano mais baixas para xerar actividade económica en Allariz.
Trátase, din dende o concello, de "mellorar a experiencia do visitante intentando sumar forzas co comercio, a hostalería e as empresas turísticas, sendo vital para conseguir que a visita a Allariz sexa o máis agradable e sostible posible".
Con todo isto o “boca a boca” segue sendo a mellor publicidade para Allariz que este ano volve a atoparse na lista das 100 localidades máis belas do Estado para visitar no 2023 pola prestixiosa publicación National Geographic no seu apartado de viaxes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.