Por E.P. | OURENSE | 12/01/2023 | Actualizada ás 20:24
Este xoves celebrouse no Barco de Valdeorras unha reunión informativa para dar a coñecer o informe sobre a posta en valor da Vía Nova aos alcaldes dos concellos polos que transcorre esta calzada romana.
A elaboración deste documento enmárcase dentro do traballo realizado nesta liña pola Deputación de Ourense, Eixo Atlántico e o Concello do Barco de Valdeorras e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Co título de 'Informe sobre a Vía Nova, estado actual e propostas de dinamización para darlle un impulso como circuíto cultural', o documento achega diferentes medidas de recuperación que contan, apuntan desde a institución provincial, con "un gran potencial dinamizador".
Este primeiro informe nace co obxectivo de estudar medidas para impulsar a Vía Nova, cuxa viabilidade queda exposta a través de candidaturas a fondos europeos nas que se está traballando.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na presentación do informe xunto ao alcalde de O Barco e presidente da Mesa da Asemblea do Eixo Atlántico, Alfredo García; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e Santiago Ferrer, autor da parte galega do informe. Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que "as administracións públicas deben adoitarse a cooperar e traballar en rede" sobre todo en ámbitos como a cultura.
"É o momento de facer unha homenaxe á nosa historia, obxectivo dunha provincia cultural como esta, a través dun estudo valiosísimo que fala do que fomos e tamén do que seremos", dixo Baltar.
O Eixo Atlántico vén desenvolvendo un proxecto liderado polo Concello de O Barco e a Deputación de Ourense para a promoción do Circuíto Cultural da Romanización, unha iniciativa financiada polos Fondos de Cooperación Transfronteiriza da UE, que pretende pór en valor a pegada patrimonial e cultural castrexa e romana no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Un dos alicerces deste Circuíto Cultural da Romanización é a recuperación e dinamización da Vía Nova, unha ruta romana que transcorría desde Asturica Augusta (Astorga) ata Bracara Augusta (Braga), cruzando en diagonal Ourense, e cuxos numerosos vestixios se poden observar ao longo do territorio ourensán en diferente estado de conservación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.