BNG á Xunta: "Queren que funcione mal o compost para poder queimalo en Sogama"

Cruzamento de reproches pola tramitación de proxectos eólicos entre o deputado Luís Bará e a directora xeral de Calidade Ambiental.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará atribuíu "continuos vaivéns" á Xunta en materia de residuos, ao que a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, respondeu sinalando que é o Goberno central o que, ao seu xuízo, perpetra unha "agresión" a concellos pola lei básica que incorpora impostos "que lle van a custar" aos municipios.

Foi na comisión parlamentaria de medio ambiente onde Bará preguntou este venres polos criterios do Executivo autonómico para bonificar o 15% do canon de Sogama. Foi o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen anunciou no seu día que este exercicio se introduciría unha bonificación do 15% no recibo de Sogama a todos os municipios que se comprometan a instalar o quinto colector, o colector marrón, para seguir mellorando o procedemento de separar residuos.

"Hai que priorizar o compost. Vostedes queren que funcione mal para poder queimalo en Sogama. Non queren que funcione ben ou teñen outros intereses inconfesables. Teñen que incentivar a compostaxe local, e non excluír", recriminou o nacionalista.

Pola súa banda, a titular de Calidade Ambiental replicou que "si se aposta" polo compost e advertiu que o 73% dos concellos que están no sistema Sogama poderanse beneficiar da bonificación e "moitos" dos restantes, tamén.

EÓLICO

Á marxe disto, Bará e Pérez cruzaron reproches pola tramitación de proxectos eólicos, ao asegurar o deputado do Bloque que "non é de recibo" o que está a facer a Xunta coa emisión de declaracións de impacto ambiental e avisou de que a formación fará "todo o posible por parar este ataque sen precedentes contra o país".

"Antes", remarcou a directora xeral, deberán "facer exame de conciencia". E é que, segundo incidiu, a situación actual é "consecuencia do decreto estatal".

Luís Bará en rolda de prensa.. BNG
Luís Bará en rolda de prensa.. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta