Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2023 | Actualizada ás 14:29
O pasado día 14 de xaneiro de 2023 o Concello de Redondela e o Concello de Tui asinaron xunto coa Deputación Provincial de Pontevedra a denominada “Declaración de Pontevedra” pola que as corporacións locais asinantes comprométense a adoptar determinadas medidas para promover a normalización do uso da lingua galega nas escrituras públicas e nos procesos xurisdicionais nos que tomen parte.
As administracións locais comprométense a que as comparecencias e actuacións xudiciais en nome das corporacións locais se realicen en lingua galega. Polo tanto, os letrados e procuradores que defendan e/ou representen ao Concello de Redondela ou ao de Tui nos procesos xudiciais nos que esta corporación sexa parte -e que se desenvolvan ante tribunais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia- empregarán a lingua galega nos seus escritos e intervencións orais; e solicitarán daqueles tribunais que as resolucións se lles notifiquen como defensores e/ou representantes do Concello de Redondela ou de Tui se efectúen tamén en galego.
Así mesmo, todas as comunicacións, informes e atestados que as autoridades e empregados públicos locais destes Concellos lles dirixan aos tribunais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia redactaranse en lingua galega, ao igual que as escrituras públicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.