Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2023 | Actualizada ás 20:14
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse convencida de que chegou o "ocaso" do PP en Galicia, que "deixa unha comunidade que se está quedando atrás", e de que o Bloque será a forza que máis suba nas próximas eleccións municipais.
Así o sinalou este domingo nunha entrevista concedida a Cadea Ser Galicia, recollida por Europa Press. "Estamos convencidos de que nas últimas eleccións abriuse un cambio de ciclo e o BNG ten a responsabilidade de ser a alternativa real ao PP. Imos ser a forza local que máis vai subir, unha boa proba de que neste país hai ganas de cambiar", sinalou.
Pontón destacou que van "a por todas" e afirma que "haberá algún alcalde máis do BNG nas grandes cidades". Neste sentido, puxo como exemplo o proxecto de Pontevedra, "referente a nivel internacional, testado, que mellora a vida da xente e achega dinamismo económico". "Un modelo que se pode pór en práctica no resto de cidades do país e a mellor mostra da capacidade do BNG para mellorar a vida da xente", defendeu.
Tamén nesta liña asegura que Goretti Sanmartín será a nova alcaldesa de Santiago, unha cidade na que se ve "estancamento", "na que non hai proxecto". Por outra banda, respecto das primeiras eleccións sen Núñez Feijóo liderando o PP galego, Pontón apunta que o ex presidente da Xunta marchouse "porque sabía que o seu ciclo se esgotou".
"E déixanos unha Galicia que vai a peor, cun IPC superior á media do Estado, a pesar de ter salarios e pensións máis baixas; cun Índice Produtivo Industrial que sobe a nivel estatal e que baixa en Galicia; e co colapso dos servizos públicos, especialmente na sanidade. E non é que non haxa recursos, é que hai que cambiar o rumbo", detalla.
"Deixarémonos a pel para que se produza ese cambio político e deixar atrás unha etapa gris para abrir unha nova etapa en cor", apostila a líder nacionalista. Considera ademais que Alfonso Rueda é un candidato "gris", que o que demostrou é que "ao que aspira é a ser recadero de Feijóo, defendendo protocolos infames como o antiaborto de Castela e León".
FEIJÓO E RELACIÓNS CO PSOE
E apunta Pontón que con Feijóo "xa foron 13 anos perdidos, cos atrasos no AVE e infraestruturas básicas que seguen pendentes". "A subordinación a Madrid é a peor receita para pór a Galicia no mapa", incidiu.
Nesta liña, convidou a reflexionar sobre que poderían facer os nacionalistas cun grupo parlamentario no Congreso, "se cun deputado conseguíronse as rebaixas das peaxes". Respecto de Néstor Rego, descartou facer cambios e destacou o "labor fantástico" que realiza. "No Congreso o que demostramos é que somos a única forza política que defende os intereses de Galicia", remarcou.
Doutra banda, Pontón non entrou a opinar nas decisións internas do PSOE --respecto dunha preferencia por "entenderse" con Besteiro ou Formoso-- e incidiu en que, dado que está "convencida" de que haberá un cambio na presidencia da Xunta, traballará para que o lidere o BNG.
"O BNG e o PSOE somos diferentes pero temos unha ampla experiencia en coalicións de Goberno, que proban que temos esa capacidade para entendernos, desde a diferenza, e con Gobernos que funcionan infinitamente mellor que os do PP", afirmou.
"COLAPSO DA SANIDADE" E "ESPOLIO" EÓLICO
A portavoz nacionalista tamén se pronunciou sobre a situación da sanidade pública en Galicia, asegurando que o conselleiro de Sanidade está "excedido" e que a Xunta vai "de disparate en disparate". "Despois de querer substituír aos médicos por enferemros, queren que persoas en formación exerzan de médicos. Teñen que deixar de pór parches e ir solucionar os problemas estruturais", criticou.
"O que se está facendo é pór en risco a saúde das persoas. O conselleiro ten que asumir que a xente cando sae a protestar faino para defender o seu dereito á saúde. O fracaso da política sanitaria do PP está a deteriorar ata límites nunca vistos en Galicia a sanidade pública e o que está claro é que se necesita máis investimento, e menos soberbia. Que deixen de botar balóns fose e asuma as súas responsabilidades", continuou Pontón.
Por último, cualificou de "escándalo" o que está a suceder coa enerxía eólica. "O PP aproveita para pór en marcha un boom eólico depredador que non vai servir para abaratar a luz, senón para que grandes empresas sigan gañando máis. O que se está producindo é un espolio eléctrico deste país. O PP traballa para as eléctricas e hai que pararlles os pés porque estamos a perder unha gran oportunidade", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.