Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 16:37
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, apuntou que o Goberno central "busca confrontación coa Xunta", despois do Tribunal Supremo "non admitise a trámite a intención do Goberno central de atacar as competencias da Comunidade en materia de marisqueo".
Puy explicou, durante a rolda de prensa habitual dos luns na Cámara galega, que o Executivo de Sánchez tamén "está sobreactuando en relación co proxecto de Lei do litoral, que está en tramitación e respecta absolutamente o bloque de constitucionalidade".
Deste xeito, resaltou que a decisión do Tribunal Supremo sobre as competencias en materia de marisqueo "traslada tranquilidade ao sector sobre o seu futuro" e recoñece que Galicia "actúa no ámbito das súas competencias".
Así mesmo, Puy insistiu en que BNG e PSdeG "deberían recoñecer o seu erro por non apoiar á Xunta no seu momento" con este tema. Ademais, relacionou esta situación con "o que está a pasar co proxecto de Lei do litoral de Galicia", coa que "se escoitan declaracións pintorescas sobre que isto é unha declaración de independencia".
SESIÓN PLENARIA DESTA SEMANA
Noutra orde de asuntos, sobre a sesión plenaria desta semana, o portavoz parlamentario do PPdeG indicou que o seu grupo defenderá dúas proposicións de lei. Así, unha delas ten como obxectivo que o Goberno central "concrete o cronograma para a chegada da alta velocidade ás cidades galegas e garanta os tempos de viaxe do AVE comprometidos".
Ademais, o Grupo Popular pedirá ao Executivo de Sánchez que "estenda a carne, peixe e conservas á rebaixa do IVE aprobada para os alimentos básicos", xa que desta forma "estimúlase a demanda interna e mellorar as perspectivas de crecemento de sectores importantes para a economía galega". Nesta liña, Puy lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez "non estea disposto a falar desta cuestión, a pesar de que xa ten garantida a abstención do PP ao decreto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.