Semellanza entre Podemos e o Kirchnerismo

A agrupación xuvenil kirchnerista A Campora da Arxentina e o fenómeno PODEMOS do Estado Español, teñen algunhas similitudes e puntos de coincidencia. Ambos os dous fenómenos prodúcense no seo da mocidade, como parte dunha rexeneración democrática, fronte a unha clase política que actúa con métodos antigos e obsoletos.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 17/12/2014

Comparte esta noticia
Nos dous casos son movementos transversais, participativos e ilusionantes. No caso da Arxentina habería que salientar o liderado indiscutíbel da presidenta Cristina Fernández. No caso do Estado español a figura dun novo profesor universitario e excelente comunicador, como é o caso de Pablo iglesias.
 
Ámbolos dous fenómenos lograron en pouco tempo incorporar a amplos sectores da mocidade á actividade política. Moitos deles facíano por primeira vez. Os seus dirixentes, en ámbalas dúas experiencias, eran persoas case descoñecidas para o conxunto da sociedade e os medios de comunicación. Os dous movementos tiñan e teñen vocación de poder e puideron conectar de contado cunha mocidade que estaba necesitando un espazo de participación distinta.
 
No caso da Arxentina a tarefa era reforzar o liderado do proxecto inclusivo e soberanista da Presidenta arxentina, no marco da integración latinoamericana. Este movemento xuvenil intentou crear unha forza propia, que puidese competir co aparello burocrático do Partido Xusticialista e as formas gansterís do sindicalismo arxentino. Mentres que Podemos e o seu líder convertéronse na expresión política do movemento espontáneo do 15 M, intentando construír unha alternativa real e maioritaria contra a crise económica, a corrupción e o desprestixio do bipartidismo incluída a monarquía. O ascenso electoral vertixinoso de PODEMOS sitúano na mellor intención de votos do conxunto da cidadanía para as próximas eleccións xerais.
 
Ambos fenómenos políticos teñen como referencia ideolóxica e practica os procesos que se viven en Venezuela, Bolivia, Ecuador, Cuba, Nicaragua, Brasil, Uruguai e a propia Arxentina. E ten tamén unha procedencia en común, pois representan aos sectores da clase media, clase de procedencia dos seus dirixentes.
 
Tanto A Campora como PODEMOS teñen dirixentes de menos de corenta anos, como a maioría dos seus cadros medios e da súa militancia. Nos dous casos semella que a historia política de ámbolos dous países tivese nacido con eles, desbotando todo o anterior que feda a pasado ou que cheire a alcanfor.
 
O desafío da Campora é poder darlle continuidade ao proxecto nacional e popular, que até este mandato encarnou o matrimonio Kirchner, co apoio dunha ampla base social, incluída a activa participación a esquerda tradicional e no caso de PODEMOS o desafío é poder crear as condicións de producir unha segunda transición democrática no Estado español –neste caso rupturista– que abra un proceso constituinte. As importantes e inaprazábeis tarefas de PODEMOS en caso de gobernar é terminar co desemprego, democratizar o estado e legalizar o dereito a decidir das súas nacionalidades históricas.
 
Na formación política e no discurso dos líderes de ámbalas dúas formacións, teñen en común a referencia intelectual do pensador arxentino Ernesto Laclau.
 
En relación á mocidade Arxentina sinalo Laclau: “Hai que ver que o peronismo era o resultado histórico de forzas de signos moi opostos e dalgún xeito, o kirchnerismo, especialmente durante o goberno de Néstor Kirchner tivo que xogar a dous niveis: por unha banda, establecer compromisos con forzas políticas tradicionais do peronismo e pola outra, impulsar formas de organización xuvenís novas. E durante o último ano do goberno de Cristina é este elemento o que amosou a súa importancia capital”
 
Mentres que en PODEMOS “A razón populista” (2005), o libro máis destacado de Ernesto Laclau, é a guía de cabeceira da estratexia de Podemos. A admiración intelectual polo autor queda patente na tese doutoral dun dos ideólogos da formación, o profesor Iñigo Errejón. A súa tese doutoral, baseada nunha análise da loita pola hexemonía política en Bolivia, está centrada fundamentalmente nas ensinanzas de Laclau e Gramsci.
 
Tanto A Campora como PODEMOS son a expresión do populismo de esquerda na súa versión máis positiva do termo.
 
Está claro que a mocidade está reclamando un novo espazo neste mundo decrepito onde hai que renovar os espazos e actualizar as utopías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.