Galicia recoñecerá o papel de Castelao como primeiro presidente galego 80 anos despois

"Foi fideicomisario da vontade democrática de autogoberno truncada polo golpe de estado de 1936" di o presidente do Parlamento galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2023 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, anunciou este domingo que a Cámara galega atenderá á petición impulsada polo Partido Galeguista e acollerá un acto de homenaxe para recoñecer o papel de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como presidente do Consello de Galiza.

Así o avanzou Santalices este domingo durante o acto conmemorativo polo 137 aniversario do nacemento do escritor e político de Rianxo no Panteón de Galegos Ilustres de Santo Domingo de Bonaval. Esta homenaxe é froito das conversacións celebradas en datas recentes entre o tres grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, o presidente do Parlamento lembrou que Galicia celebrou recentemente o 40 aniversario da súa autonomía, unha etapa na que alcanzou unha "estabilidade, crecemento e benestar nunca antes coñecidos". Un estado que, recoñeceu, "non sería posible sen figuras como Castelao, Otero Pedrayo, Risco ou Bóveda", ás que denominou "sementes da democracia e o autogoberno".

Para Santalices, "Galicia está en débeda con todos eles" e, "moi especialmente", con Castelao, como "referente ético e polo seu condición de primeiro presidente do Consello de Galiza", constituído en Montevideo o 15 de novembro de 1944, "como fideicomisario da vontade democrática de autogoberno truncada polo golpe de estado de 1936".

Así mesmo, o presidente do lexislativo autonómico sinalou que este recoñecemento resulta extensivo aos que, do mesmo xeito que Castelao, "traballaron a favor do autogoberno democrático galego", como os deputados galegos exiliados en Sudamérica: Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Alfredo Somoza.

A celebración contou cunha ampla asistencia entre os que se atopaban o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que repasou a evolución da comunidade que "pouco ou nada se parece" á época de Castelao.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no acto do 137 aniversario do nacemento de Castelao. Panteón de Galegos Ilustres
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no acto do 137 aniversario do nacemento de Castelao. Panteón de Galegos Ilustres | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ando un chisco perdido... Quen vén sendo a día de hoxe o Partido Galeguista son os chamados CxG Compromiso por Galicia https://compromiso.gal/ (?) Ou existe alguén que poda reivindicar a día de hoxe o nome de Partido Galeguista (?) Cando menos a crítica faise en Bruxelas pero aquí non se publica nada sobre o tema... https://drive.google.com/file/d/1a1...