Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2023 | Actualizada ás 13:24
A viceportavoz do Grupo do BNG, Olalla Rodil, defendeu este martes a proposta lexislativa para modificar a lei da CRTVG, un cambio co que, entre outras cuestións, os nacionalistas queren que se elixa ao director da corporación de forma "democrática".
"O que propón o BNG é democracia, transparencia, luz e taquígrafos", manifestou Rodil na quenda de réplica, na que contestou á elección do director xeral actual, Alfonso Sánchez Izquierdo, cuxo mandato está caducado desde hai varios anos.
A elección de Sánchez Izquierdo fíxose en 2009 baixo o primeiro goberno de Alberto Núñez Feijóo, unha elección que o entón líder popular afirmou ter o visto e prace do PSdeG, dirixido entón por Pachi Vázquez. Con todo, os socialistas publicamente negaron que houbese ese acordo, o cal foi chegou a ser tachado de "falsidade" por parte do ex presidente autonómico, quen se reafirmou en que se pactou.
Daquela, o BNG dirixido no Parlamento por Carlos Aymerich censurou que non foran chamados para tratar de acordar o nome da compañía. Nesa mesma lexislatura, reformouse a lei que hoxe en día está vixente, unha negociación parlamentaria convulsa que acabou cun pacto de PPdeG e PSdeG, que votaron conxuntamente a normativa en 2011, a cal contou co 'non' da formación nacionalista.
No debate deste martes, a portavoz do PPdeG no debate, Raquel Arias, esgrimiu os datos de audiencia da CRTVG para afirmar que estes "avalan" a xestión dos medios públicos galegos, mentres que a deputada socialista Noelia Otero afeou, de novo, situacións como a sentenza de "vulneración de dereitos" dun traballador que transcendeu recentemente.
O pasado 31 de xaneiro, en comisión parlamentaria, o director xeral da CRTVG, defendeu que é "incuestionable" a súa lexitimidade á fronte da corporación pública, cargo no que leva desde a chegada do PPdeG á Xunta en 2009, xa que destaca que é "potestade" do Parlamento galego conseguir unha maioría de dous terzos necesaria para o cambio.
Así as cousas, a proposición lexislativa impulsada polo BNG contou cos votos favorables do BNG e PSdeG e o 'non' dos 42 deputados do grupo maioritario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.