O TSXG revoga a indemnización de 66.000 euros a un bebé con cancro ocular e valida a actuación do Sergas

Entende que non houbo mala praxe nin perda de oportunidade no diagnóstico e tratamento.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/02/2023 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado polo Sergas e a súa aseguradora contra unha sentenza de instancia, que condenaba a Sanidade a indemnizar en 66.000 euros a uns pais e o seu bebé, diagnosticada cun cancro nos ollos cando apenas tiña unhas semanas de vida. O alto tribunal galego revoga a compensación ao considerar que non houbo mala praxe nin perda de oportunidade.

Os feitos remóntanse a setembro de 2016, cando os pais levaron á nena ao seu pediatra para a revisión dos 15 días. Nese momento, a médica apreciou unha alteración nun dos ollos, e derivouna ao servizo de Urxencias do hospital de Lugo para ser valorada por especialistas en Oftalmoloxía.

A oftalmóloga de garda explorou ao bebé pero non apreciou nada e, nunha revisión posterior, dúas semanas días despois, tampouco observou alteracións. Con todo, convocou unha nova cita para un mes despois e entón si se apreciou alteración no fondo dun dos ollos, polo que acordou facer unha valoración máis exhaustiva dous días despois, xa en quirófano e con anestesia xeral, unha medida que descartara previamente ao valorar os riscos desa intervención nunha nena tan pequena e sen indicios suficientes de que houbese problemas.

Esa exploración revelou sospeitas da existencia de retinoblastoma (formación de células cancerosas nos tecidos da retina) e xestionouse o traslado da nena ao hospital de referencia para estes casos, o San Juan de Dios de Barcelona. Alí ingresou en novembro de 2016 e confirmouse que padecía a enfermidade, con afectación en ambos os ollos, polo que se iniciou tratamento con quimioterapia.

Os pais presentaron unha reclamación ante o Sergas por considerar que houbo diagnóstico tardío e que iso empeorou a evolución da enfermidade. Aínda que a administración desestimou a súa petición, esta si foi atendida nun xulgado contencioso administrativo de Santiago, que descartou a mala praxe pero considerou que puido haber perda de oportunidade, establecendo unha indemnización de 66.000 euros para os pais e a menor.

RECURSO ANTE O TSXG

Todas as partes recorreron a sentenza ante o TSXG, o Sergas e a súa aseguradora para pedir que se revogue, e os pais para reclamar unha maior indemnización. Na súa sentenza do 18 de xaneiro de 2023, o alto tribunal galego constata que "non houbo unha demora excesiva" na asistencia á nena e que, se a oftalmóloga non viu ningunha alteración nas primeiras valoracións puido deberse ás dificultades para detectar este tipo de problemas en bebés de tan curta idade, que aínda non enfocan a vista.

Acceso á nova área de Urxencias Pediátricas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Acceso á nova área de Urxencias Pediátricas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: SERGAS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta