Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/02/2023 | Actualizada ás 15:39
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, interveu este xoves no "IV Congreso Nacional de Despoblación y Reto Demográfico", que se celebra en Albacete, e onde puxo en valor as medidas adoptadas polo Goberno galego durante os últimos anos para "atallar esta situación" e que melloraron as previsións de poboación en 60.700 habitantes.
En concreto, as previsións indicaban que Galicia non alcanzaría en 2022 os 2,63 millóns de habitantes e na actualidade supera os 2,9 millóns. A conselleira lembrou que Galicia é a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Impulso Demográfico.
Neste sentido, indicou que Galicia "volveu ser pioneira" en aplicar a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, para segundos fillos e sucesivos e que beneficia a máis de 30.000 familias.
Tamén citou outras medidas destinadas a fomentar o asentamento no rural como as casas niño, as casas do maior ou programas de atención como 'Coidados porta a porta' ou 'Xantar na casa', "que lles permite aos maiores seguir vivindo nos seus lugares de sempre e recibir coidados preto das súas casas".
Por iso, incidiu na importancia de traballar na aplicación dos 35 puntos asinados na Declaración de Santiago en novembro do ano 2021, na que oito presidentes autonómicos reivindicaron "un financiamento autonómico máis xusta, máis medidas pra o envellecemento activo e a conciliación e máis medidas de apoio ao rural".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.