A Xunta repartirá 15 millóns a pequenos concellos antes das municipais

Rueda desvincula as subvencións desta cita electoral e asegura que as liñas de axudas que se aproban este ano "por primeira vez" son "moi necesarias".

Por Galicia Confidencial | | 16/02/2023 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves novos criterios para a repartición de 15,6 millóns de euros, do Fondo de Cooperación Local (FCL) adicional, en axudas a pequenos municipios para melloras de eficiencia enerxética e de redes de abastecemento e compra de maquinaria.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta | Fonte: Xunta de Galicia

Estas axudas, que corresponden á Vicepresidencia segunda, repartiranse entre os municipios de menos de 15.000 habitantes e supoñen algo máis da metade do fondo adicional que a Xunta entrega de maneira condicionada aos municipios, a diferenza do groso do FCL, que ten carácter incondicionado.

A convocatoria será "inmediata" polo que se producirá antes das eleccións municipais do mes de maio, aínda que Rueda desvinculou as subvencións desta cita electoral e asegurou que as liñas de axudas que se aproban este ano "por primeira vez" son "moi necesarias".

En concreto, trátase de tres liñas de axudas das que a de maior contía, 8 millóns de euros serán para mellorar a eficiencia enerxética dos servizos municipais, con obras en edificios como centros educativos, deportivos ou sanitarios. Outros cinco millóns de euros serán para a mellora das redes de abastecemento, sobre todo para minimizar perdas de auga e controlar o consumo; e dous millóns irán destinados á compra de maquinaria e vehículos para servizos municipais.

O resto deste fondo adicional, uns 14,4 millóns de euros, seguirase repartindo entre todos os concellos como nos anos anteriores para vehículos de emerxencia, loita contra a vespa velutina ou limpeza de franxas secundarias, entre outras medidas.

A ÁREA DE TURISMO INSTALARASE EN OURENSE

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ratificou que a área de Turismo instalarase en Ourense, de forma que se cumpre así cun compromiso da súa sesión de investidura. En rolda de prensa, Rueda explicou que se trata dun "primeiro paso", de forma que aínda hai trámites pendentes.

Asegura que por agora non ten pensado un perfil "claro", máis aló de que sexa unha persoa que coñeza a administración e a promoción do turismo, de forma que primeiro crearase o posto e logo buscarase candidatos.

APARCADOIROS EN VILAGARCÍA E RIBADUMIA CON 136 PRAZAS

O Goberno galego aprobou o proxecto de execución de dous aparcadoiros disuasorios cun investimento de máis dun millón de euros na comarca do Salnés. Segundo trasladou a Xunta, estes parkings sumarán un total de 136 prazas. Así, estarán nos concellos de Vilagarcía de Arousa, concretamente nas inmediacións da VG-4.3 e N-640, e Ribadumia, no núcleo de Barrantes.


CONVENIO PARA O MANTEMENTO DO IFEVI

Por outra banda, autorizouse a firma do convenio entre a Xunta e a Fundación Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para regular o réxime de coordinación da programación das actividades deportivas e feirais, así como das actividades de mantemento e funcionamento do módulo de atletismo instalado no pavillón 5.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta