Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2023 | Actualizada ás 12:02
Os vogais ecoloxistas no COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) pediron amparo á Valedora do Pobo para "exercer libremente as súas funcións como membros deste organismo colexiado. Pola súa banda, desde a Consellería de Medio Ambiente din que abordar este asunto "excede claramente" as competencias deste órgano.
"Diante do persistente veto da presidenta, a conselleira Ángeles Vázquez, a incluir na orde do día unha proposta dos representantes ecoloxistas (ADEGA, FEG e a SGHN, xunto co SLG-CCLL) para debater e valorar as repercusións do actual “boom eólico” sobre o medio ambiente, decidimos presentar unha queixa na Oficina da Valedora para recuperar o noso pleno dereito a participar neste organismo", denuncian nun comunicado.
Así, critican que dende hai máis de un ano a conselleira Ángeles Vázquez, presidenta do COGAMADS, leva impedindo "con subterfuxios (ausentarse e pechar a sesión en falso) e despois con silencios e falsidades" o debate das propostas presentadas por varios vogais, os representantes dos colectivos ecoloxistas e o SLG-CCLL (Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas).
Tras reclamar en dúas ocasións que se inclúa na orde do día, estas entidades, "ante a recorrente actitude obstrucionista e antidemocrática" decidiron como protesta non participar nas dúas xuntanzas seguintes deste organismo (31 de maio de 2022 e 14 de febreiro de 2023), achegando un escrito explicativo da nosa decisión para ser incluido nas actas, petición que tamén foi ignorada.
Nesta última sesión, as representantes das organizacións SLG-CCLL, CIG e UDC (Universidade da Coruña) salientaron a ausencia dos colectivos ecoloxistas apelando á Presidencia. Ángeles Vázquez comprometeuse a contactar coas vogalías ecoloxistas ausentes para “solventar a situación”. Pero, estas entidades din que, a día de hoxe e diante dunha nova convocatoria do COGAMADS para o 28 de febreiro na que tampouco figura a súa proposta de debate eólico e seguen sen ter noticias da Presidencia como prometera.
"O continuo desprezo da Presidencia do COGAMADS para cos dereitos dos vogais eleitos deste organismo colexiado supón un grave exercicio de autoritarismo e arbitrariedade que lesiona gravemente o nosos dereitos de expresión e de participación pública", critican ao tempo que solicitan o amparo da Valedora do Pobo.
XUNTA
Pola súa banda, a consellería de Medio Ambiente di non ter constancia desta queixa pero lembra que o Cogamads é un "órgano consultivo". "Polo tanto, os acordos adoptados polo mesmo só poden ter a natureza de informes ou ditames", destaca este departamento en resposta ao GC.
Asi, sinala que o motivo polo que o ano pasado se rexeitou a petición por parte destas tres asociacións ambientais porque "excedían claramente as competencias do Cogamads, tal e como concluíron os servizos xurídicos do propio órgano consultivo". De feito, lembra que a negativa a abordar estes asuntos foi obxecto de dúas queixas o ano pasado e que acabaron sendo finalmente arquivadas pola Valedora do Pobo.
En todo caso, sinala que nesa mesma reunión si se abordou o tema dos eólicos aínda non se chegaron a votar. Con respecto á negativa dos vogais das organizacións ecoloxistas á asistir ás dúas últimas reunións do Cogamads, a consellería di "respectar a súa decisión pero lamenta este feito polo interese e a transcendencia dos asuntos que se abordan no seo deste órgano, agardando poder contar coa súa presenza en próximas reunións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.