A produción de mel redúcese á metade e o sector apícola esixe "solucións"

Denuncian un "brutal incremento" dos custos de produción do mel e piden "control" ante as importacións

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 06/03/2023 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

Unións Agrarias (UPA) reclamou ás administracións "solucións rápidas" para "salvar o futuro" do sector apícola ante a "grave crise" que vive en Galicia polo "brutal incremento" dos custos de produción do mel que, sumado ás pragas, causou un descenso do 50% da produción nos últimos anos.

Precisamente, ante esta sitaución, o secretario de organización sectorial de UPA, Félix Porto, instou a todos os profesionais apícolas a participar na mobilización do próximo xoves en Madrid na que reclamarán axudas directas para abaratar os custos de produción, así como que se controlen as importacións e a súa etiquetaxe.

A organización agraria mostrou a súa preocupación pola "grave situación" que viven os 300 profesionais que se dedican a esta actividade en Galicia.

Unha caída do 50% na produción de mel nos últimos anos é o dato que leva ás organizacións agrarias a manifestarse o próximo 9 de marzo ás portas do Ministerio de Agricultura, ao que lle esixen que amortigüe "dalgunha forma" a perda en rendibilidade que sofre o sector.

Así mesmo, Porto apelou á Lei de Cadea Alimentaria, a cal di que ningunha produción se pode vender por baixo do que custa, algo que, segundo el, ocorre agora mesmo co mel. "Os 3,5 euros que os produtores reciben por quilo de mel neste momento están moi lonxe de cubrir os gastos", afirmou.

A GUERRA E AS PRAGAS ENCARECEN A PRODUCIÓN

A organización explicou que un dos motivos da inflación que sofre o produto agora mesmo ten que ver co aumento do custo de moitos inputs, como o combustible ou os medios de envasado, que duplicaron o seu prezo no último ano por mor da guerra de Ucraína.

A este factor, súmaselle tamén o cambio climático, que, á parte de ondas de calor, provoca incendios que obrigan a mover as explotacións do seu lugar orixinal. Ademais, a produción de mel complícase coa incesante presenza de depredadores, como a avespa velutina, e a praga da varroa, un ácaro que transmite unha enfermidade ás abellas e ocasiona a morte de colmeas enteiras.

ETIQUETAXE DEFICIENTE

Outra das problemáticas que afectan á baixa competitividade do produto que comercializa o apicultor galego é a gran cantidade de marcas que "venden o seu produto como nacional", cando a maior porcentaxe deste foi colleitado noutros países, baixo a lenda de "mestura de meles orixinarios e non orixinarias da CE".

Por este motivo, a organización reclama ao Goberno que se activen mecanismos para facer fronte a esta ameaza, como campañas de información e formación a nivel institucional que axuden ao consumidor a recoñecer a procedencia do produto.

O responsable de apicultura Unións Agrarias, Roi Regueira, xunto ao secretario de organización sectorial, Félix Porto
O responsable de apicultura Unións Agrarias, Roi Regueira, xunto ao secretario de organización sectorial, Félix Porto | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta