Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2023 | Actualizada ás 14:28
O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas para que o Goberno central e, en concreto, Renfe cumpran co compromiso de modernizar os trens da vía de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo, despois dos erros detectados no deseño dos convois, que obrigou a revisar o contrato.
Neste sentido, a organización nacionalista demandou un calendario concreto para a entrega en funcionamento dos novos trens e preguntou se o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destinará os híbridos para a liña FEVE entre Ferrol e Ribadeo.
Así mesmo, Rego pediu medidas compensatorias polo atraso na liña de ancho métrico para que os usuarios gocen de gratuidade no servizo, como se estableceu noutras comunidades.
"O erro no deseño dos 31 trens de vía estreita, antigo FEVE, afectará principalmente a Asturias e Cantabria por posuír unha maior rede de ancho métrico electrificado. 26 e dos 31 son eléctricos, mentres que en Galicia non poderían operar por non posuír esa infraestrutura", explicou o BNG.
Con todo, "outro cinco eran híbridos e si poderían transitar pola vía galega e destinalos a prestar servizo na liña FEVE de Galicia, Ferrol-Ribadeo", reivindicou Rego, quen lembrou que existe un compromiso do Goberno para mellorar e modernizar os trens desta liña.
A día de hoxe, segundo dixo, os convois presentan "graves problemas" con continuas avarías que "causan incidencias de forma continuada e fan completamente impredicible e moi pouco fiable este medio de transporte".
"O Goberno debe cumprir as súas promesas e, ademais de asegurar a renovación do material rodante, establecer un calendario con prazos específicos para a subministración dos trens destinados a este tramo", subliñou Rego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.