Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/03/2023 | Actualizada ás 11:10
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a oitava edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2023. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de maio de 2022 e o 30 de abril de 2023 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser unha noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e os artigos.
A RAGC considera que “a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega, así como a transferencia de coñecemento ás empresas, é unha prioridade”. Nesta liña, a Academia asegura que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a acadar este obxectivo. Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.
A participación será tramitada de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas páxinas web da Real Academia Galega de Ciencias (www.ragc.gal) e da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal). Unha vez descargado e cumprimentado, o formulario enviarase por correo electrónico a pxornal@ragc.gal, acompañado da documentación complementaria sinalada nel. O prazo para presentar os traballos remata o 20 de maio.
A dotación do premio será de 3.000 euros. A maiores, concederase un accésit de 1.000 euros para o segundo traballo mellor valorado. Máis información e bases: https://www.ragc.gal/gl/premio-de-periodismo-gal/
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.