Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Lugo | 04/02/2015
As primeiras pizzas en Starita, os primeiros pasos no barrio Stella (onde vivín os 5 meses), todas esas bandeiras arxentinas, todas esas homenaxes a Maradona na rúa, o café, a mozzarella de bufala…Pero ese primeiro partido no San Paolo foi dos mellores recordos. Logo dunha noite grandísima na que coñecemos ao arxentino Marcial e ao mexicano Fortunato, ao día seguinte funme cos dous a coñecer ese famoso estadio, o principal esceario deses vídeos do Pelusa cos que medramos…
Atopámonos na Piazza Cavour para tomar o metro, eu ía cunha sudadeira de Arxentina e non parabamos de falar de fútbol e da emoción de visitar o San Paolo. Cando subimos ao vagón, a conversa seguía… e aí cazáronnos un pai e a súa filla, que, como case todos os presentes, tamén ían rumbo a Campi Flegrei. Empatizaron rápido connosco -como non podía ser doutro xeito-, e todos viaxamos un pouco coa imaxinación a aqueles anos 80 nos que triunfaba o 10. ¡¡Que bo!! Aínda non chegaramos ao estadio e xa o estabamos pasando de marabilla.
Cando chegamos a Campi Flegrei non só nos indicaron todo o que tiñamos que facer para chegar ao estadio. Tamén nos convidaron a un café, nunha cafetería que logo visitaría cheas de veces porque o estadio estaba á beira da facultade. Alí mandámonos a foto histórica (a que encabeza este texto) e desde entón sempre recordarei ese primeiro contacto coa amabilidade e o afecto napolitano… como dixeron o pai e a súa filla: “A Napoli si fa cosi!”
Guido Álvarez
Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster europeo en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e profesional en varios países europeos, entre as súas experiencias destacan o seu traballo durante tres anos nos observatorios turísticos do CETUR (Santiago de Compostela) e a súa participación nos programas de estudos Maclands, Leonardo e Erasmus.
Todos os artigos de Guido Álvarez aquí.