Cal será o candidato á Xunta do PSdeG?

O cambio de cromos en Galicia e en Madrid por parte do Goberno de Pedro Sánchez reactiva á familia socialista e abre varias posibilidades de cara ás eleccións galegas. Pero, todo vai depender do que pase nas eleccións municipais e, especialmente, nas eleccións galegas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Por fin temos banquillo". Este símil futbolístico utilizado por un cargo socialista describe claramente a situación interna do PSdeG tras o cambio de cromos do Goberno de Pedro Sánchez en Galicia. Un símil futbolístico que tamén utilizou hai uns meses o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, ao referirse a José Ramón Besteiro como o "Messi" dos socialistas galegos.

José Manuel Miñones e José Ramón Besteiro
José Manuel Miñones e José Ramón Besteiro | Fonte: ADiario-EFE

O caso é que o PSdeG pasou de non ter ningún a ter dous "Messi" con posibilidade de gañarlle o partido, ou polo menos tentalo, a Alfonso Rueda nas vindeiras eleccións galegas. Un é o "Messi" que quere a dirección galega, o outro é o "Messi" que gusta en Madrid. E é que tanto José Miñones coma Besteiro teñen unha ampla experiencia política e institucional coa que facerlle fronte ao presidente da Xunta. O primeiro foi alcalde, delegado do Goberno en Galicia e, agora, ministro. O segundo, concelleiro, presidente da Deputación de Lugo, secretario xeral do PSdeG e, agora, delegado do Goberno en Galicia.

"Son perfís moi necesarios neste partido", apunta un veterano militante socialista consultado por GC, "aínda que cada un ao seu xeito". "O importante é que agora hai xa dúas persoas das que botar man e, antes, iso non o tiñamos", engade. Tamén un alcalde socialista destaca a Galicia Confidencial que tanto Besteiro, coma Miñones, son dous bos candidatos para competir pola Xunta. 

Con todo, este cargo institucional --que apoiou a Valentín González fronte a Gonzalo Caballero-- tamén cre que a actual dirección socialista non o fixo nada ben. "Botar a pacer o nome de José Ramón cando aínda estaba todo verde foi unha gran equivocación e volveu dar folgos aos de Gonzalo --Caballero--", destaca.

OS PROBLEMAS

Pero, a pesar de que o PSdeG ten xa nomes enriba da mesa, para competir con Rueda, o certo é que os dous teñen tamén certas "sombras". "Besteiro saíu limpo das imputacións pero iso non lle quita que haxa certas sombras", asegura o veterano militante consultado. Algo que tamén corrobora o rexedor. "Saíu forte pero sempre esta iso aí que se pode utilizar como arma política polos rivais", indica outro concelleiro socialista consultado que tamén di que é o "preferido" pola actual dirección xa que "sempre estivo como líder na sombra".

Pola contra, Miñones, que non ten un "pasado xudicial", ten "moi pouco apego pola organización" e non conta con "estrutura" en Galicia. "Miñones é o preferido de Madrid e en Galicia non ten 'aparato', nin estrutura", asegura o alcalde consultado. Algo que pode xogar moi na súa contra xa que experiencias pasadas lembran que un candidato sen "estrutura nin organización detrás" non ten posibilidades de éxito.

GONZALO CABALLERO

No que si coinciden as fontes consultadas é que con estas dúas figuras podería quedar xa "finiquitada" unha volta de Gonzalo Caballero ás estruturas orgánicas do PSdeG. "O de Gonzalo vai quedar xa en nada", apunta o alcalde. Con todo, o seu sector en Galicia, que non é pequeno, tamén pode influír na futura elección do candidato á Xunta.

"E a priori o que mellor posicionado está para tentar coser as feridas abertas é Miñones", di o cargo socialista que destaca que, a priori, Miñones está mellor visto que Besteiro por este sector. "Desde logo xa cando saíu aquilo do Messi galego, Gonzalo foi un dos primeiros en criticalo", lembra.

Pero todo vai depender das eleccións, primeiro, das municipais, e despois das galegas. E niso tamén hai coincidencia entre as fontes consultadas. Primeiro, porque se o PSdeG sae moi tocado dos comicios locais e perde máis dunha cidade e unha deputación, "o golpe vai ser duro". Pero o principal problema será a final de ano se Pedro Sánchez non consigue manterse no Goberno central. Nese caso, tanto Miñones coma Besteiro van perder a seu principal escaparate político.

O FUTURO SEN PEDRO SÁNCHEZ

"Se pasa iso, o mellor colocado para loitar pola Xunta vai ser Besteiro xa que, sen Sánchez na Moncloa, a dirección galega vai ter vía libre para facer e desfacer", indica o edil consultado. Pero con Miñones fóra de xogo, tamén pode haber novas alianzas e non se descarta a aparición dunha terceira candidatura, desta volta, promovida desde Pontevedra polo sector de Abel Caballero. "Igual Carmela Silva pode aspirar a liderar o PsdeG galego e quizais conta co apoio dos de Gonzalo Caballero", sinala. Pero isto, polo momento, non deixan de ser hipóteses lonxanas porque, tras os últimos movementos, os dous candidatos con posibilidades de futuro son Besteiro e Miñones.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta