Por Galicia Confidencial | Galicia | 31/03/2023 | Actualizada ás 18:53
Cando en 1914 Pedro Vindel descobre o pergamiño que contén as cantigas de amigo de Martín Códax, marca un fito na historia da música. Sobre o texto orixinal xorde a publicación "Catro visións contemporáneas sobre as cantigas de Martín Códax", que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o presidente da Asociación Galega de Compositores, Xosé Carlos Seráns.
Ambos os dous destacaron a relevancia desta publicación que permite enriquecer o patrimonio musical galego e pon a disposición da cidadanía interpretacións para voz e piano das cantigas de amigo elaboradas por catro compositores galegos. Alejo Amoedo é o coordinador deste proxecto, que se completará en outubro cunha xornada sobre Martín Códax e a literatura medieval, así como cun concerto.
A presentación tivo lugar na véspera da celebración do Día das Artes, impulsada pola Real Academia Galega de Belas Artes e cuxo presidente, Manuel Quintana, destacou. “Escoller a Martín Códax como oitavo homenaxeado, é tamén unha homenaxe á música, que é unha das seccións máis destacadas desta academia” apuntou na rolda.
“Esta publicación, en primeiro lugar, contribúe a homenaxear o trobador Martín Códax, proposto pola Real Academia de Belas Artes; en segundo lugar, axuda a tomar conciencia da importancia das cantigas de amigo; en terceiro lugar, permite pór o foco na capacidade de renovación e proxección da súa música para compositores, intérpretes e oíntes, e, por último, xera e enriquece o patrimonio con catro versións que quedan á disposición de intérpretes e da cidadanía” apuntou Alejo Amoedo na presentación.
DA PUBLICACIÓN AO CONCERTO
No traballo de transcrición e edición da obra musical, que contou co asesoramento de Joám Trilho, recóllense as notacións musicais como as partituras creadas para a ocasión por catro compositores elixidos por sorteo, que hoxe acompañaron a presentación da publicación dixital. Son María Mendoza (Oviedo, 1975), Gloria Rodríguez (Vigo, 1976), Mario Diz (Poio, 1981) e Arsenio Keilin (A Coruña, 2003).
O proxecto completarase en outubro, cando terá lugar na illa de San Simón unha xornada que permitirá afondar na figura de Martín Códax e na literatura medieval. Esta xornada estará acompañada dun concerto que se celebrará en Redondela, no que se interpretarán as composicións elaboradas polos catro compositores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.